Os descendentes dos Martínez Viojo
Esta
deterioración material, a repartición e perda dunha facenda con baixas cargas a
unha situación máis gravosa, o empobrecemento e a posterior emigración dos
homes da familia, ca consecuente viudez en vida das súas mulleres, fixo
aumentar as penalidades aos habitantes da Casa do Castro.
Así, o matrimonio
que alí vivía estaba formado por Antonio Martínez e Segunda Mera e eran pais de
seis fillos. Todos eles viven na mesma casa, aínda cando mortos os seus pais,
algúns casan e teñen á súa vez fillos. Segunda Mera despois de viúva ten unha
filla máis de pai incógnito chamada Teresa e que lembra no seu testamento[1]
o 16 de marzo de 1856 no seu leito de morte[2].
O seu fillo Santiago, que emigrara á Habana, ao retornar contraeu matrimonio
con María Manuela Blanco, unha veciña de Bertamiráns da mesma parroquia, do cal
naceu un fillo de nome Víctor. Pouco puido gozar Santiago do seu fillo, pois no
mesmo ano do seu nacemento, en 1863, morrería el con 29 anos. Cinco anos
despois a súa nova viúva tería un fillo natural chamado Pablo, para o cal a súa
nai se empeña, en 1882, para pagarlle a súa pasaxe á illa de Cuba[3].
Outra sobriña de
José Martínez Viojo, e irmá de Santiago, chamada Manuela, tamén ten de estado
solteira unha filla chamada María Estrella Martínez, que co paso do tempo
abandona a familia e pasa a servir na vila de Caldas de Reis onde tamén é nai
solteira.
Non mellor lles
ían as cousas aos de Maguxe. María Mariño, a filla de Teresa, a irmá
do capelán, pasa a vivir co seu tío en Íria en 1853[4]
o grande ano da fame en Galicia. Vendo o panorama, aceptaría así a pequena
compensación contractual de coidar do seu tío e ser a súa herdeira. Lembremos a
situación da súa nai que en 1865 pide a habilitación de pobre ante os tribunais
de xustiza[5].
Non nos resulta
raro que en 1859 o capelán Martínez Viojo teña o ánimo decaído ao ver a
decrepitude da súa familia e do seu propio estado. Ese mesmo ano faría o seu
testamento no cal non desvela nada estraño da súa vida[6].
Con todo, a través da carta de Luís Tobío cóntasenos que tamén nese ano se
entrevista con Rosalía en Ortoño. Rosalía casou un ano antes en Madrid con
Murguía, e agora aproveita para achegarse á apartada Casa do Castro para visitar
a familia Martinez Viojo. Quizais este sexa unha das últimas viaxes que faría a
aquela casa. Lembremos que Rosalía profesaba un profundo agarimo por María
Josefa, a irmá do capelán, á que chamaba, segundo parece, tía Maripepa[7].
Distinta foi a
rama desta tía Maripepa. María Josefa
Martínez Viojo casou en 1827 con José Tubío de Lamiño en Brión. Non habería
diferenzas notables cos seus irmáns a non ser porque cara ao final da década
dos corenta, o seu sogro trae desde Cádiz as reliquias dunha santa da época
romana. Non se figuraba esta familia que a intuición do patrucio resultaría, xa
que santa Minia tivo desde o principio, en que estivo depositada na súa mesma
casa de Lamiño, unha acollida moi cálida no ámbito relixioso da comarca.
Isto supuxo,
desde principios da década do cincuenta do século XIX, un auxe económico para
esta familia. María Josefa e o seu marido tiveron catro fillos que foron Ramón,
Francisco, Luís e Minia. Ramón, rexentou o padroado de santa Minia e
casou con Juana de Campos González, filla de Miguel Campos Vázquez e de María
González de Nimo, veciños do lugar de Guitiande en Santa María dos Anxos
(Brión), e pertencentes a unha familia con certos ascendentes na comarca[8].
Este matrimonio tivo tres fillos entre os que se contaba a Luís Andrés Tobío
Campos, que foi profesor en Viveiro e Santiago e que do seu matrimonio con
María Magdalena Melida Fernández tiveron entre outros ao notable galeguista
Luís Tobío Fernández, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos na Casa
do Castro de Ortoño o 12 de outubro de 1923. Outro fillo de José Tubío e María
Josefa Martínez Viojo foi Luís Tubío Martínez, que tamén se dedicou ao ensino
en Brión, alcanzando a súa escola unha gran fama[9].
En 1871, á idade
de 73 anos, morre en Iria José Martínez Viojo, sendo inhumado no cemiterio de
Santa María Adina, o mesmo no que catorce anos despois sería enterrada a propia
Rosalía de Castro. Testou a favor da súa sobriña, María Mariño Martínez, que o
coidou e serviu dende 1853[10].
Deixou tamén obxectos persoais á súa outra sobriña de Maguxe, que aínda hoxe conservan[11].
Tanto a unha como a outra tiveron descendencia continuando a asentada en Maguxe
até a actualidade.
En canto aos
descendentes de Juan Antonio Martínez Viojo e Segunda Mera, os sobriños do
capelán asentados na casa do Castro, foron á
súa vez gran número. Pero a diferenza dos de Brión, ou os de
Maguxe, o seu gran número obrigou a sucesivas particións da primitiva herdanza
o que os obrigou a enaxenar completamente o solar da casa do Castro. Así,
a principios do século XX, a mesma casa estaba partida entre tres herdeiros, xa
netos e bisnetos de Antonio Martínez e Segunda Mera. Estes foron vendendo as
súas partes de forma que en 1923, cando
nela se fundou o Seminario de Estudos Galegos, o seu
propietario non tiña nada que ver coa antiga familia Martínez. Moitos destes
descendentes emigraron a América e os demais asentáronse no inmediato lugar da
Tarroeira chegando até hoxe en día.
[1] Cf., AHUS. Protocolo Notarial de José Ramón
Araujo de 1856, folio 57 e seguintes.
[2] É inhumada aos
dous días. Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523
Libro XV, folio 176v.
[3] Cf. Apéndice
Documental 3. É interesante esta escritura no sentido do socorro prestado por
Manuela Campos Martínez, veciña de Castrigo na mesma parroquia de Ortoño á
empeñada viúva María Manuela Blanco da casa do Castro para que o seu fillo
puidese emigrar a Cuba. Aquela señora era unha das fillas de Josef de Campos
Vilacoba e Dª Vicenta Martínez Ponte y Andrade da antiga casa de Campos de
Castrigo. Este apelido Martínez era o mesmo da familia Martínez Viojo a través
dos seus parentes do lugar das Cortes, como xa se indicou. Trátase supostamente
dunha acción de caridade e axuda para cunha parente en problemas.
[4] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c. Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento… 174: Teresa Martínez Viojo tivo co seu marido
dúas fillas. María, que naceu en 1834, (Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523. Libro VII, folio 56v) a que serviu ao seu
tío, e Manuela, a que naceu no mesmo ano que Rosalía, concretamente o 10 de
xullo de 1837,( Cf. Ibíd.. Libro VII,
78r.) en contra do que sostén V. Álvarez Ruíz de Ojeda.
[5] Ibíd.
[6] Ibíd.
[7] Cf. J. Caamaño Bournacell, “El linaje de Rosalía de Castro”, en: Boletín de la comisión de Monumentos de Lugo, Tomo V, 105, nota 6. Mesmo
no seu último ano de vida, xa enferma, convidábaa a ela e á familia Tobío de
Brión, a través da súa filla, a celebrar a festa de Pascua en Padrón.
[8] Sen ir máis lonxe, e omitindo a
complicada xenealoxía desta familia, o apelido González de Benita -a nai de
Juana- é o mesmo dos González da Condomiña dos séculos XVI e XVII, dos que
vimos que eran ascendentes dos Martínez Viojo. O outro apelido, Nimo, é da
mesma familia de María do Pilar Nimo Vilacoba (cf., nota 66) consorte dos
antigos parentes das Cortes en Ortoño. Polo lado paterno, o pai de Juana,
Miguel, era irmán de Josef, o marido de Vicenta da casa de Campos de Castrigo
(Ortoño). Constátase que os descendentes de María Josefa Martínez Viojo
volveron enlazarse coas mesmas familias dun mesmo estrato social, como
antigamente facían os ascendentes da Casa do Castro.
[9] Como curiosidade, o sobriño do
primeiro capelán nomeado para o culto da nova capela de Santa Minia, tamén
asistiu a esta escola. Tanto un coma outro, eran orixinarios da casa dos
Martínez no lugar de Cortes na parroquia de Ortoño.
[10] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c., Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento… 174:
[11] María Mariño Martínez. Testemuño de
Lucita González Romarís veciña do lugar de Maguxe (Ortoño).