domingo, 10 de febrero de 2013

A linaxe Martínez-Viojo III


3. A Casa do Castro de Ortoño

Cabe tamén sinalar o enorme período de tempo transcorrido entre o matrimonio de Alonso Martínez e Manuela de Orta e o do seu fillo, o presunto avó de Rosalía. O primeiro foi en 1722 e o segundo en 1791, o que fan sesenta e nove anos. Isto xustifícase sendo Miguel Martínez o último dos fillos de Alonso e Manuela[1] e que, debido aos seus estudos eclesiásticos, contraeu nupcias a unha idade madura; en realidade a piques de cumprir os trinta e oito anos. Podemos mesmo sospeitar que a mudanza de vida de Miguel debeuse máis ás circunstancias familiares que á súa predisposición pola vocación ao estado eclesiástico. Seguramente os seus pais, Alonso e Manuela, canalizárono cara ao sacerdocio co patrocinio do seu tío Frei Vicente Martínez, mais ante a imposibilidade de doarlle bens suficientes para a súa congrua[2] e unido talvez á súa pouca vocación, Miguel ficou ás portas das primeiras ordes esperando un beneficio[3]. É máis, pasado o tempo, xorde a posibilidade de contraer matrimonio coa súa curmá Manuela Viojo, herdeira dunha labranza importante, a do Castro, e despexar do todo o seu futuro. Este proceder non lles era estraño, pois o mesmo sobriño do párroco de Ortoño, clérigo de menores  ordes, abandona o estado eclesiástico para casar cara a mediados da década de 1780.[4] Esta é a explicación que cremos máis plausible para situar o novo matrimonio formado por Miguel Martínez e Manuela Viojo na denominada Casa do Castro de Ortoño.

Desta forma encontramos que, antes deste matrimonio, non existen referencias algunhas no arquivo parroquial a esta paraxe, nin a ninguén que o habitase, parecendo máis ben que estaría encadrado en Punxeiras Altas[5]. Parece claro, sobre todo vendo as partidas sacramentais dos descendentes desta familia, que viven na Casa do Castro en virtude dun arrendo, ou dun foro. Na citada carta de Luís Tobío a Bouza-Brey, insinúase algunha circunstancia especial ao prometer un segundo escrito para falar da Casa do Castro, carta que ao parecer non se escribiu.

Esta Casa do Castro, entre os séculos XVIII e XIX, era unha edificación illada, que dispuña e éralle propio todo o terreo de labor da súa contorna. Este espazo estaba e está rodeado de monte, ao norte dela sitúandose os vestixios do castro bordeado polo río Sar, a cuxo pé están os tres muíños. A casa en cuestión, ten unhas características singulares entre as demais construcións da época na zona. Aínda que exenta de ornamentación algunha, é de planta cadrada e de grosos muros de pedra, e antes da súa remodelación, estaba dividida interiormente en tres partes por grosas paredes medianeiras. As súas trazas poderían suxerir unha antiga torre remodelada. A súa localización, parece que se atopa nos límites da antiga tenencia da Condomiña, pertencente ao Cabido de Santiago[6] e os termos do lugar de Lapido, que fica cara ao leste, cuxo directo dominio era na maior parte do  conde de Altamira[7]. Na confluencia dos lugares da Condomiña, Punxeiras de Arriba, Igrexario e confíns do lugar de Lapido onde se erixía esta casa, ao pé do camiño real comezaba a se levantar un pequeno núcleo de poboación coñecido pola Tarroeira. No século XVIII variaba un pouco o topónimo, aparecendo escrito como Terroeira, e naquel entón era un monte pertencente a Punxeiras Altas[8].

O Castro e a súa casa, a teor do preito do conde de Altamira[9], de mediados do s. XVIII, non parece pertencer ao lugar de Lapido, anexo ao devandito condado, aínda que puidese estar nos seus límites, xa que o monte do Castro era do dominio do conde, segundo varias escrituras privadas. Con todo, pola proximidade a este lugar, a familia Martínez Viojo posuía herdades en Lapido, ademais de nas Punxeiras  -Altas e Baixas-  e na Condomiña. Así, Alonso Martínez, que nacera en Lapido, é un dos demandados no preito do conde por este lugar. Segundo as testemuñas, o lugar estaba dividido en seis partes iguais, que levaban determinadas persoas, parece ser en foro antigo. Uns eran labradores e veciños do lugar[10], e outros fidalgos[11] asentados en Santiago e outros lugares, bens que tiñan á súa vez subaforados.

O máis probable é que a Casa do Castro fose do dominio do Cabido compostelán e anexa ás Punxeiras dentro da antiga tenencia da Condomiña. Esta idea fortalécese ao comprobar que Alonso Martínez, o avó do capelán, aparece como un máis dos beneficiados na renovación dos foros do Cabido en 1757[12]. Posteriormente, a principios do século XX, a casa pagaba unha renda a Carlos Ucha Pardiñas Villardefrancos[13], veciño do lugar de Piñor en San Lourenzo de Agrón (Ames). É plausible admitir que a propiedade da Casa do Castro chegase a esta familia por mor das desamortizacións dos bens da Igrexa do século XIX, quizais despois de pasar por varios propietarios.

Posible relación con esta Casa do Castro poidan ter a familia dos García de Searez que xa indagara Murguía[14], cando estuda os ascendentes maternos da súa esposa, ao reparar nunha rama antiga do pazo de Arretén. Murguía atopou o expediente de ingreso como familiar do Santo Oficio de Andrés García de Seares casado con María de Castro y Bermúdez, fundadores do vínculo do pazo e antepasados maternos de Rosalía de Castro. O avó de Andrés, Alberto García de Seares y Blanco era oriúndo de Santo Tomeé de Ames, tendo máis descendentes en Santa María de Urdilde e San Martiño de Laraño. Á súa vez, outra rama da familia establécese  no século XVII en Santa María de Roo, actual concello de Noia, concretamente no lugar de Mato. Desta Casa do Mato era dono, en 1757, Domingo García de Seares, que recibe un dos foros de Maguxe, en Ortoño, na renovación que a administración do condado de Altamira fixo por aquela época[15]. Esta familia da Casa do Mato, segue a percibir rendas no lugar de Maguxe na segunda metade do século XIX. Así podemos ver como un bisneto de Domingo, Feliciano García de Seares é o perceptor das rendas de varias parcelas sitas en So  as Hortas[16].

Na renovación dos foros, previa denuncia xudicial por estar os moradores carentes de titulo e posterior expropiación do seu uso, faciíase sempre aos mesmos levadores a fin de non perturbar máis as súas facendas. O interese do condado era a renovación da súa documentación e a posta ao día das rendas. Desta forma sabemos que esta rama dos García de Seares de Roo emparentados cos de Arretén, tiñan desde había moitos anos propiedades en Ortoño nas inmediacións da Casa do Castro. De feito, o párroco de Ortoño na primeira metade do século XVIII, Ignacio Antonio Seares[17], que o foi durante case 50 anos, puido ser un membro desa familia.




[1] Foi bautizado o 14 de agosto de 1753. Cf. AHDS Fondo Parroquial, Lej 11523, Libro IV, f 152v. Deste matrimonio quedou constancia que naceron sete fillos máis en tres décadas: Domingo (1725), Rosenda (1728), Domingo (1731), María (1737), Benito (1740), Santiago (1741) e Joseph (1747).
[2] Isto sosteríase en que, aínda que a familia tivese bens suficientes no lugar de Lapido, estes non poderían ser enaxenados por reclamalos o Conde de Altamira mediante o preito de 1752. Cf. ARG Preitos da Real Audiencia 1461/17.
[3] Ao parecer, Miguel non chegaría a ordenarse de prima tonsura, xa que non existe o seu expediente de Sacras Ordes.
[4] Trátase de Benito Piñeiro y Lago, sobriño do párroco de Ortoño Simón Antonio de Lago (reitor da devandita freguesía entre 1759 a 1797). Benito era fillo de Simón Piñeiro, comerciante de Santiago e Rita Nicolasa de Lago, filla á súa vez de Manuel Antonio de Lago, tesoureiro e apoderado do conde de Altamira en Galicia. En 1774 ordenouse de prima tonsura, Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacio 950/3, seguramente co obxectivo de suceder ao seu tío no beneficio de Ortoño, pero pasado o tempo a familia reconsideraría a súa carreira para casar coa pontevedresa María Cayetana Fernández Cordeiro. Este matrimonio foi o fundador da Granxa da Peregrina de Bertamiráns, hoxe rebautizada Pazo da Peregrina, e que tiveron relación coa Casa do Castro.
[5] En realidade, até finais do século XVIII non se consigna no arquivo parroquial de Ortoño ningunha paraxe, ou grupo de casas illadas. Os lugares ou aldeas teñen un territorio que lles é afín, e se existe algún veciño illado é contado con todos os do mesmo lugar. Exemplos que aparecen nesta época son: Castro, Vista Alegre, Seoane, Espiñareda, Cachela, Santo Cipriano, Tarroeira,...
[6] Cf., ARG, Fondo: Preitos da Real Audiencia, Cartapacio 421/41: El Cabildo de la Catedral de Santiago y el Dr Bravo, tenenciero de la Condomiña, con Juan Alegre, Juan Gonzalez y otros. Auto ordinario sobre los lugares de Pungeiras en S. Juan de Ortoño, 1599.      
[7] Cf. Ibíd., Fondo: Preitos da Real Audiencia, Cartapacio 1461/17.
[8] Cf., AHDS, Fondo: Parroquias, 11523: Libro III de Administración: Libro de fundacións nº 42: Fundación en 1754 de una misa sobre el solar de una casa en el paraje de la Terroira.
[9] Cf. Nota 32.
[10]Cf. ARG, Preitos da Real Audiencia, cartapacio 1461/17: Francisco García, Andrés Álvarez, por si y como defensores de Domingo Terceado, Domingo Trenco, Joseph Barreiro, Domingo García, Manuel Rey y otro Domingo García ausente… Alonso Martinez”.
[11] Cf. Ibíd.,: “Dª Juana de España, Carlos Pérez, Bernardo Cernadas como defensores de Joseph García, Dª Juana Romero de Leis, D Joseph Bernardo Gago de Mendoza, Marques de Leis y D. Jacobo Llorente en reveldia, D. Diego Ballesteros de Luaces Pose de Leis. Como se observa, aparecen os descendentes da rama dos España que se emparentaron co dos Gago de Mendoza e que tiñan fondas raíces en Ortoño, tanto familiares como de fandenda.  
[12] Cf. AHUS, Fondo: Protocolos de Santiago, Cartapacio 1757: Domingo Antonio Sánchez. Seis foros do Cabido de Santiago dos seus lugares de Punxeiras alta baixas e Condomiña: (123r-126r), (127r-132v), (133r-135v), (136r-142v), (143r-149r), (150r-156v) e (157r-163v).
[13] Escritura de compra-venda outorgada o 13 de marzo de 1920 ante Luciano Rei Sánchez, notario de Negreira, en poder da actual propietaria da Casa do Castro.
[14] Cf. J. Caamaño Bournacell, Rosalía no pranto da súa estirpe, Ed. Biosca, Madrid 1968.  26.
[15] Cf. AHUS, Protocolo de 1872 de Ildefonso Fernández Ulloa, folio 711 a 737, “Dación de rendas en pago de crédito, a favor de D. José Genaro Villanueva”.
[16] Documentos privados de Lucita González Romarís, unha descendente en Maguxe dos Martínez Viojo.
[17] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacio 590/86.

No hay comentarios:

Publicar un comentario