sábado, 29 de septiembre de 2012

Arreglo parroquial. (1854-1864)




Unha das nosas arelas é atopar e definilos límites parroquiais de Ortoño, así como os dos lugares que o forman. Deste xeito vimos como ó longo da historia, o coñecemento destes estivo en grande medida preservado na tradición oral e viva da xente, sendo escasos os documentos que os definían.
Polo momento non atopamos para a parroquia de Ortoño unha descrición pormenorizada de ata onde chega. Si atopamos novas da demarcación dos seus lugares a través dos documentos de foro que emitían os dominios que había. E semella que era o lugar e a súa extensión mellor definida o que se empregaba como unidade na articulación do territorio, pois é constante a definición da parroquia ó enumerar os lugares que a forman.
Este feito atopámolo no denominado “Arreglo parroquial” de entre 1854 e 1864 dado no arcebispado de Santiago. A situación da Igrexa a mediados do s. XIX mudara moito dende comezos do século. A abolición dos señoríos e as antigas xurisdición, a creación dos concellos e os partidos xudiciais, deixara obsoletas moitas das estruturas que vertebraban o territorio. Así as parroquias por mor dos dominios que posuían o territorio arrastraban límites e demarcacións impostas por intereses herdados destes. Posteriormente a 1850, en que se firma un concordato entre España e o Vaticano, empézanse a separar e ter máis en consideración os aspectos espirituais e de comunidade parroquial, respecto os intereses territoriais que rexían anteriormente. Así había multitude de casos en que as parroquias tiñan formas estrañas, habendo aldeas moi alonxadas da igrexa parroquial, e sen embargo paradoxicamente cerca da outra igrexa da parroquia veciña. Aquel arranxo parroquial da década dos 50-60 do s. XIX intentou facer unha redistribución da poboación con respecto os centros de culto, de xeito que se aliviasen os inconvintes de esta alonxados.
Aínda que a idea era boa, e que se fixo partindo de toma de datos previas realización de enquisas, o tal “Arreglo parroquial” non veu a gustar moito no animo de moitos feligreses. Así, en moitas parroquias que se propoñían un cambio, sobre todo unha perda de unha aldea a favor da parroquia veciña, comezaba unha serie de protestas e apelacións ó arcebispo rebatendo as razóns do cambio. En outros casos desestimáronse os cambios, sen semellar ter sido postos en coñecemento dos feligreses, e outras veces prosperaron.
Na Maía mudaron límites, como en Cobas e nos Ánxeles, pero en Ortoño as súas fronteiras centenarias permaneceron inalteradas por este cambio, pero por moi pouco. No proceso, antes de nada, fixéronse averiguacións de distancias, e tamén se lle pediu a opinión dos párrocos, pois supoñiase que estes tiñan un bo coñecemento do terreo. Isto é o que nos di o párroco dos Ánxeles da súa parroquia:

“Angeles, Santa María y San Salvador de Bastavales de provisión en concurso; dista un cuarto de legua las iglesias y compone el curato 1510 almas en la extensión de media legua y hay ademas en un extremo de la principal junto a los baños del Tremo la capilla de la Guadalupe.
Propone este cura que se le agregen los lugares de Carballido, Castrigo, Pedregal y Casaliño pertenecientes a Ortoño, de cuya yglesia distan mucho, y se hallan incomunicados por la interposición de un río...”

Non debeu comunicar o cura dos Ánxeles o seu parecer ó de Ortoño, porque este non debía saber nada, para cando se escribe a reseña a Ortoño:

Ortoño, San Juan
Parroquia de 1200 almas, urbana de entrada y de presentación del conde de Altamira. Segregamos de ella y unimos a la de los Angeles algunas aldeas cuya comunicación con la parroquia de Ortoño es interumpida por un río. Ascribimos dos sacerdotes y establecemos un coadjutor con 2000 reales. Señalamos al párroco 5500 reales de dotación y 1000 para el culto.

A verdade e que esta nova non debeu facerse publica. Tan pronto como a debeu saber o cura de Ortoño desestimouse o proxecto. Xa que posteriormente a parte “Segregamos de ella y unimos a la de los Angeles algunas aldeas cuya comunicación con la parroquia de Ortoño es interumpida por un río.”, foi tachado.

Ortoño, o cabo, quedou intacta, a pesar do cura dos Ánxeles. Ós Ánxeles tentáronlle tamén segregar Gundín e Cabanelas a favor da parroquia de Boullón, pero neste caso foron os veciños os que non quixeron. Sen embargo suprimiuse o anexo do Divino Salvador de Bastavales dividíndoa entre os Ánxeles e San Xulián de Bastavales. Os Ánxeles fíxose máis grande, pero o seu cura perdeu o Anexo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario