sábado, 31 de diciembre de 2011

Historia do Culto IV


A cofradía da Divina Peregrina de Bertamiráns, parroquia de San Xoán de Ortoño.

A orixe de esta devoción naceu no seo dos misioneiros franciscanos, “os peregrinos de Cristo”. No século XVII, os membros de esta orden víronse inducidos polos escritos de Sor María Agreda, monxa concepcionista franciscana, e encontraron nas peregrinacións da Virxe María, un estimulo ó seu labor.

Esta influencia foi particularmente grande nas misións franciscanas en América, que tiveron a súa orixe no colexio–seminario franciscano de misións de Sahagún, en terras leonesas. Alí dende finais do s. XVII empezouse a venerar unha imaxe de extraordinaria beleza, e de factura sevillana do taller de “La Roldana”, chegada a Sahagún en 1688. En Sahagún déuselle o titulo de Divina Peregrina, Nuestra Señora del Refugio.

No último cuarto do s. XVIII, establécense no lugar de Bertamiráns, parroquia de Ortoño, o matrimonio formado por D. Benito Piñeiro e Lago e a súa dona Dª Cayetana Fernández Cordero que foron os fundadores da denominada Casa da Granxa da Peregrina. D. Benito era sobriño do párroco de Ortoño, D. Simón Antonio de Lago, e neto de D. Antonio de Lago e Ben, o que fora tesoureiro xeral dos estados do conde de Altamira no Reino de Galicia. Dona Cayetana, a súa vez, era natural da cidade de Pontevedra, de onde procedía a nova devoción a Virxe Peregrina. De esta forma cara o final da década dos 80 do s. XVIII, erixiuse por parte do párroco D. Simón Antonio de Lago, na propiedade dos seus sobriños, una capela privada dedicada á Virxe na súa advocación de Nuestra Señora la Divina Peregrina.

Cara os primeiros anos do s. XIX morre D Benito sen descendencia e en 1807 volve casar D Cayetana con D. José Francisco Vendrell Pedralbes y Estapez del Mas, médico nacido en Barcelona en 1776, e asentado en Santiago dende 1804 como catedrático de Medicina.
Dona Cayetana e o seu segundo marido non tiveron descendencia. Fixeran testamento no que deixaban os seus bens a D. Manuel García Barros e a súa dona D. Francisca Rigueiro, sobriña da defunta Dª Cayetana, e tamén a Academia de Medicina de Barcelona. O Dr Pedralves tiña restaurado a capela e pedira licenza para poder dicir misa nela, sendo aceptada o 29 de xullo de 1861.
Herdaron a este matrimonio unha filla chamada Cayetana García-Barros Regueiro que casou con D. José Ulloa Pimentel, gobernador que foi da provincia de Pontevedra, morrendo tamén sen descendencia. Estes deixáronlle os seus bens de Bertamiráns ca capela da Peregrina a súa sobriña neta Dª Jabiera García-Barros Pena, que casou con Domingo Parames González, natural de Ponteareas. En vida de este matrimonio, foi cando a imaxe da Virxe comezou a gozar de un lucro de oitenta días de indulxencia para cantos, diante dela, rezasen tres Ave Marías por privilexio outorgado por S. E. Mons. Arístides Rinaldini, Nuncio Apostólico da Súa Santidade en España, en data de 11 de marzo de 1900.




Ó falecemento de D. Domingo e Dª Jabiera, herdaron a Granxa e a Capela segundo a súa vontade os fillos da sua filla Dolores Paramés García-Barros e José Togores Rodríguez: José Luis, Elena, Dolores, María Pilar e María Rosa Togores Paramés; os fillos de Carlos Paramés García-Barros e Teresa Montenegro Cabezas: María Teresa e Carlos Paramés Montenegro, e a tía de estes: María Paramés García-Barros. Con Elena Togores Paramés casou o xeneral da Armada D. José Luis Azcarraga Bustamante, que foi a persoa máis coñecida de esta familia.

A mediados do século XX, en torno a mencionada capela e o culto que nela se dispensaba á Virxe, sobre todo para os veciños do lugar de Bertamiráns da parroquia de San Xoán de Ortoño, foi nacendo un pequeno movemento de devotos que, habida conta do servizo que aquela capela lles ofrecía para a práctica da súa relixión e o exercicio da súa piedade, e ca tutela, por parte de Don José Luís, e por outra do Párroco Don Juan Bueno Bueno, solicitaron ó Arcebispado de Santiago, a tenor dos canons 680 e 689 do Codex Iuris Canonici de 1917, a erección canónica da cofradía “Da Divina Peregrina”, sendo erixida como tal o 18 de decembro de 1962, polo Cardeal Quiroga Palacios. Igualmente o Reglamento de dita cofradía foi aprobado en esta data. O 25 de xullo de 1994, a Asemblea Xeral modificou algúns aspectos puntuais do mesmo.

Posteriormente, dúas causas provocaron a necesidade de construír una nova capela: por un lado o constante crecemento poboacional da parroquia; especialmente no lugar de Bertamiráns, na última década do s. XX e a venta da Casa da Granxa da Peregrina. Constatouse a necesidade de construír unha nova capela que puidese acoller a maior número de fieis. Ca axuda de moitas persoas e o mecenazgo do Concello de Ames conseguiuse o terreo e levantouse a actual Capela de Nosa Sra. A Divina Peregrina ó lado da rehabilitada casa da Granxa do mesmo nome. O arquitecto foi D. Carlos Pérez Pérez e foi consagrada ó culto por S. Excia. Rvdma. D. Julián Barrio Barrio o 26 de xullo de 1997.




Para saber máis:



Historia do Culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns I







miércoles, 28 de diciembre de 2011

Libro de fundacións XXXII


Trixesimo segunda fundación.

27 de outubro de 1679.







Aquel outono de 1679 achegase a rectoral de Ortoño Domingo de Lapido, que ven a poñer en claro as obrigas da súa muller Dominga Míguez. O pai desta, Juan Míguez, deixara un misa perpetua pola súa anima a dicir pola festividade de San Martín. A dita misa quedaba hipotecada sobre as propiedades do defunto que tiña no lugar de Punxeiras de arriba e de abaixo.
É plausible crer que estes Míguez fosen do lugar de Punxeiras, pero dos cales non temos polo momento máis novas. Tamén parece obvio que Domingo de Lapido fose de Lapido. Sen dubida de este lugar procedía o seu apelido, e tamén era certo que non saíra del a lo menos ata ben entrado o s. XVIII. Temos constancia do apelido Lapido no lugar do mesmo nome dende 1545 cando o conde Lope Sánchez de Moscoso en persoa lle fai foro do lugar a Diego de Lapido e Jacome do Sebe. Sen dubida aquel Diego debeu ser un dos ascendentes do Domingo.

lunes, 26 de diciembre de 2011

Concordias V

O reclutamento para o servir ó Rei no s. XVIII.


Nas anteriores entregas sobre este tema falamos dos acordos ou amaños feitos no pasado sobre diversos temas. Así vimos como varios herdeiros se poñían de acordo sobre a herdanza dos seus avós ou bisavós. Aumentamos o número dos concordantes cando falamos de proxectos ambiciosos como a construción de unha presa de auga que regase varios lugares da parroquia. E culminamos co amaño que abarcaba a todos os veciños da parroquia cando se dispuxo da forma de pagar a primicia desta ó Cabildo de Santiago e o reitor da parroquia, acordo que poñía fin ó preito cos feligreses.

Sen embargo aínda así dábanse incluso acordos e concordias que involucraban a máis veciños. Había, segundo parece, acordos entre os moradores de varias parroquias. Isto visto dende o presente semella as veces algo prodixioso. Xa que logo hoxe vivimos nun dos tempos onde a individualidade é máis exacerbada. Non temos máis que reparar, por exemplo, nas comunidades de veciños, tan parodiadas incluso, para darnos conta deste feito. Pois no pasado as circunstancias dábanse para todo o contrario como veremos.

Como xa temos contado en outros artigos, as fontes atopadas entre os veciños da parroquia son de moita axuda. Neste caso atopouse documentación referente a provisión de novos soldados milicianos para o rexemento provincial de Santiago na segunda metade do s. XVIII.

Uniformes do exercito español ó principio do s. XVIII http://www.alabarda.net/uniformes/esp/inf/clonard/imagenes/inf_clonard_37.jpg
O exercito era para o antigo réxime un eixo fundamental do estado. A verdade é que a mesma puxanza do estado e a súa supervivencia dependían de manter a raia a outros países e as súas pretensións, sobre todo si se posuían múltiples territorios. Por tanto estar en guerra ou preparado para ela requiría ter, xa non soamente bos, senón grandes exércitos. Isto obrigaba a contratar e dotar soldados e oficiais.

España durante os s, XVI ata o XVIII tivo moitos rexementos que se provían de varias formas. O rei e os seus representantes nos diversos reinos podían facer levas para formar unidades novas nun determinado momento. Sen embargo esta practica que viña da idade media era pouco estimada xa que o que se tentaba era ter rexementos estables e profesionais. Deste xeito estableceranse unidades estables nas que servían soldados con unha certa cualificación ou experiencia. Destes había moitos rexementos de estranxeiros ó servizo da monarquía española.  Moitos eran tamén concesión da coroa a particulares que contrataban soldados a cambio de unha cantidade e unha serie de postos de oficiais. O certo é que no Reino de Galicia, como nos demais reinos de España, cada capital de provincia tiña un rexemento provincial, que combinaba varias particularidades. Estes chamados milicias provinciais estaban dirixidas pola nobreza do pais. Os novos reglamentos tiñan modernizado a súa organización, converténdoas ó final do s. XVIII na mellor reserva de Europa. As milicias provinciais mobilizábanse en períodos de perigo de guerra. Parece que a provisión dos soldados de estes rexementos facíase proporcionalmente sobre a poboación das distintas xurisdicións que compoñían a antiga provincia, neste caso a de Santiago.
Cando un soldado causaba baixa, por idade ou tempo no servizo, ou por morte, soíase repoñer con outro procedente da súa xurisdición. Ese deveu ser o caso do ano 1775, en que se produciu este feito na terra de Altamira. Deste xeito os responsables do recrutamento e os representantes da xurisdición reunían ós veciños e facíanos participes destas novas. O sorprendente da situación, era que a diferenza do servizo obrigatorio no que todos os mozos eran chamados a filas durante un tempo, neste caso como había que prover un número limitado pero de longa duración deixábase a liberdade do acordo entre os veciños.
Así entre os que estaban en idade de servir ó Rei buscábase os candidatos que menos cargas tiveran que deixar. Así que a xuntanza debía ser un sen fin de escusas. Uns estaban casados e tiñan fillos pequenos, outros axudaban a un dos seus pais viudo, así ata que se encontraba un candidato idóneo que non deixara a ninguén desamparado. Cando se chegaba a un acordo mandábase o “afortunado” para Santiago, non a estudar senón para ingresar no exercito. Daquela volta foi un veciño da parroquia de San Xulián da Luaña que como xa vimos tamén pertencía a Altamira.



lunes, 19 de diciembre de 2011

Outros curas I




Prolegómenos.

Vimos máis arriba unhas poucas novas sobre os párrocos que foron da parroquia de Ortoño dende finais do s. XVI ata a actualidade. Sen embargo non hai que facerse unha idea equivocada sobre o número de sacerdotes que habitaban o longo do tempo a parroquia, aínda que soamente falemos do párroco. No pasado o estado eclesiástico era tido como unha especie de clase elevada a cal non poucos tentaban acceder. Calquera familia que se prezase, intentaba ter un membro cura. Era a garantía de poder chegar a facer estudios, consolidar un patrimonio e ter un intercesor nos asuntos seculares e espirituais. O sacerdocio non se vía tanto, en algunhas ocasións, como unha vocación cara o ministerio da Igrexa, se non moitas veces como un estatus social.
Evidentemente si había máis curas que parroquias, cousa hoxe inversa, quedaban moitos sen poder chegar a rexentar unha. Por exemplo na vista pastoral de 1902, na que nos visitou o Cardeal Arcebispo Herrera, ademais do párroco había oito veciños de Ortoño que eran sacerdotes.


Unha ordenación sacerdotal.
Foto: http://1.bp.blogspot.com/_iJkBUCorFbc/TUtHLWt2iHI/AAAAAAAAAw8/dMX6tqbKIlQ/s1600/ordenacion-sacerdotal-2008-88.jpg


Hoxe como é de imaxinar cambiaron moitas cousas. No pasado os aspirantes a sacerdote, despois de facer os estudios correspondentes esixíaselles ter bens suficientes para podérense sustentar por si mesmos. Xa que logo, a idea previa era a de que non existisen sacerdotes pobres que deslustrasen o seu estado. Por iso, o máis frecuente era que os proxenitores do seminarista ou algún familiar xeneroso e sen descendentes lle fixera unha doazón de bens a título de “patrimonio”, a fin de con eles obtivera o sacramento do orden. Estes bens tiñan que ser certos e seguros e esto facíase con averiguación de testemuñas e notario. Outra formula era ordenarse como capelán nunha fundación que tivese capelanía dotada con unha determinada renda. Estas capelanías eran fundacións semellantes as que imos vendo do libro de fundacións de Ortoño, nas que ademais se fundaba unha praza de capelán que dixese as misas, e outorgábaselle un soldo sobre os beneficios de determinados bens que debían quedar agregados para sempre a capelanía. En Ortoño soamente había unha capelanía e era a do Santo Anxo da Garda, fundada en 1708 por D. Juan Gómez Barreyro, veciño de Ortoño no lugar das Cortes, e párroco que era por aquel entón de San Adrián de Vilariño e San Benito de Fefiñans, no actual concello de Cambados.
A fundación de tales capelanías era un acto espiritual e tamén económico. Escollíase a advocación da devoción do outorgante e mirábase de dotar unha serie de misas para pedir polo eterno descanso dos membros da familia. No plano económico o que se facía era apartar unha serie de bens que se adirían a fundación para pagar o capelán e que se convertían en eclesiásticos de forma que escapaban a fiscalización do estado. Ademais estas capelanías o que facían era asegurar unha entrada segura o estado eclesiástico de futuros membros da familia, e seren as veces, un trampolín para outros postos.
Todas estas cousas e outras son as que engrosaban os expedientes de sagradas ordes dos antigos seminaristas. Moitos destes homes de Deus, que tiñan moitas veces os dous pes máis na terra que nos asuntos espirituais, e debido ós estudios que non fixeran os seus coetáneos e a posición alcanzada chegaban as veces a ser personaxes de algunha relevancia na súa época. Tampouco era raro o contrario, e destacar por seren ministros entregados ó Evanxelio e a seu Ministerio.

No arquivo parroquial consérvanse, como vimos, moitas referencias ós párrocos. Pero existen outros curas de Ortoño e da comarca, que chegaron a sobresaír dun xeito ou doutro e dos que fomos formando unha pequena reseña que habemos de ir contando.

viernes, 16 de diciembre de 2011

Historia dos párrocos de Ortoño V

Diego Díaz de Guitían. (s XVI)



Retomamos a historia dos párrocos de Ortoño, precisamente co primeiro do que temos novas. Deste cura de Ortoño xa non tiñamos coñecemento del a través do arquivo parroquial. Por estes libros coñeciamos ó seu sucesor D. Antonio Gómez de Parapar. De Diego coñeciámolo seu nome e primeiro apelido a través da visita que fixo Geronimo Del Hoyo, e que despois consignou nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago. Agora sabemos por outros documentos que se trataba de Diego Díaz de Guitian, un dos membros desta familia que se estableceu na Maía procedente posiblemente de terras lucenses. Como vimos cando tratamos os párrocos do século XVII, D. Diego tivo un sobriño segundo cura que ocupou o seu beneficio durante un breve período de tempo. Este que se chamaba Pedro Díaz de Guitian era fillo de Benito, que fora meriño e xustiza na xurisdición de Altamira e o morrerlle a muller fora ordeado de cura chegando a ser reitor de San Fins de Brión. Como se pode ver Diego foi o primeiro de unha familia ben posicionada na comarca que dotou de párrocos os s. XVI e XVII.


Bartolomé Juan Leonardo de Argensola (Barbastro (Huesca), 26 de agosto de 1562 - Zaragoza, 4 de febrero de 1631) foi un poeta e historiador español do Siglo de Oro. Tamén, ó igual que o noso protagonista, foi un sacerdote do s. XVI.
http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/98/Bartolom%C3%A9_Leonardo_de_Argensola_%28detalle_grabado_1770%29.jpg/185px-Bartolom%C3%A9_Leonardo_de_Argensola_%28detalle_grabado_1770%29.jpg
Ademais coñecemos agora de Diego a súa faceta económica que xa nos apuntara Geronimo del Hoyo. Sabemos que xa era párroco de Ortoño cara 1584, porque en ese ano fai unha obrigación de pagar a Juan Rodríguez de Tasende 139 ducados polo tempo en que fora ecónomo dos froitos de San Vicente de Boqueixón, seguramente porque tiña algunha parte da súa sincura. Parece que tiña tamén outras inversións e dereitos por outras partes. Por Del Hoyo sabemos que tiña unha sincura en terra de Soneira, e ó parecer tamén en San Martiño de Liñaio en Barcala. Tiña tamén rendas no coto de Riomol, no actual concello de Castroverde en Lugo, xa que en 1591 dáballe poder a un irmán para poder ir a cobralas.

Ó ter moitos intereses mundanos estaba exposto a ter que defendelos, cousa que non o debeu amedrentar xa que non tivo reparos en meterse en xuízos e preitos, ata chegar incluso a Real Audiencia do Reino.

Pero o máis interesante dos seus preitos foi aquel que o enfrontou co párroco de Bugallido, o bachiller Jácome Louzao. Parece que D. Diego, o párroco de Ortoño dun xeito ou de outro conseguira os dereitos da parroquia de Bugallido, e pretendía unila a de Ortoño. Cousa que non dou prosperado. Si este proxecto do primeiro reitor de Ortoño coñecido fose adiante quizais hoxe San Pedro de Bugallido fose o anexo de Ortoño. Quizais se frustrase todo ó ser Ortoño un beneficio de presentación do conde de Altamira, e Bugallido do Cabildo de Santiago.

Diego Díaz de Guitian foi o cura de Ortoño ata a primeira década do s. XVII sucedéndoo no beneficio o mencionado Antonio Gómez de Parapar, cousa xa sabida.

martes, 13 de diciembre de 2011

As xurisdiccións antigas da Maía XIII

O couto de Somoza


Ademais do censo de 1708 existe documentación privada na parroquia de Ortoño que fala de un coto descoñecido que tamén apareceu nesta fonte. Este é o coto de Somoza.
Practicamente del non se coñece nada. Non é mencionado no catastro do Marques da Ensenada, nin nas eleccións de procuradores e rexementos da xurisdición no s. XVII. Tampouco o menciona Río Barja, no seu traballo de Cartografía xurisdicional de Galicia, e moito menos Clodio González, na súa monografía sobre Brión. Sen embargo, apareceu entre os papeis privados de un veciño de Ortoño, os dos repartimenos de impostos das xurisdicións de Altamira e Maía.

Ata agora poderíase pensar que este coto estaba composto polos lugares pertencentes a xurisdición da Maía das dúas parroquias de Bastavales, sen embargo o censo descartouno, xa que nel, aqueles veciños aparecen consignados dentro destas e non no couto.

 

Vista do val da Maía dende a horta da rectoral da parroquia de Santa María dos Ánxeles.
Foto: http://farm4.staticflickr.com/3198/3049301504_b31e86abbd.jpg
Sen embargo os enquisadores do s. XVIII tampouco son moi explícitos. Para aquela xente, non había dubida das divisións, e por tanto moitas veces non se plasmaban nos documentos porque era para eles unha redundancia.

O couto de Somoza, o censo dispono claramente dentro da parroquia de Santa María dos Ánxeles, sen dicir que lugares o conforman. Hai que ter en conta que Os Ánxeles é censado en dúas xurisdicións, xa que había lugares de Altamira e lugares da Maía, como en Ortoño, e incluso lugares partidos como eran Alqueidon e Guitiande, que estaban partidos entre ambas divisións administrativas e de señorío.

Quédanos por tanto comprobar que lugares antigos non son aparentemente mencionados para dar co dichoso couto. Estes lugares son Outeiro, Estrar e Gontade, dos que non hai dubida de seren antigos. É agora fácil supoñer que o couto de Somoza se estendese por estes lugares, sempre que non aparezan novas que o contradigan.

Si isto fose así, trataríase de un couto estraño, xa que parece obvio que debería ter unha continuidade territorial, e sen embargo Outeiro esta separado de Estrar por Vilanova que pertencía a Altamira, e Gontade xa queda máis lonxe cara o oeste.

Se coñecer a súa ubicación foi e é moi complicado, moito máis saber a súa xénese na historia.




Os lugares no Censo de 1708:

Os Anxeles en Altamira:

Rial, Vilanova, Souto, Piñeiro, Lago, 2 casas de Guitiande, Sanin, Guisande, Cavanas, Buyo,  parte de  Alqueidon


Os Anxeles na Maía:

Baliño(Bastavales), Reboredo(Pequeno, de San Salvador; Grande de San Xulian), Gondin, Perros, Cavo, o resto de Guitiande, Adoufe, Alqueidon, Soyglesia, Gandara(San salvador), Gonsende.

Nomenclator:

Adoufe, Alqueidon, Anxeles, Buio, Cabanas, O Cabo, Estrar, Gontade, Gosende Guisande, Guitiande, Gundin, Lago, Outeiro, Perros, Piñeiro, O Rial, Sanín, Soigrexa, Souto, O Tremo, Vilanova
(O Tremo é un lugar máis moderno, xa que parece que pertencia ó Cabo e a Guitiande)
O coto de Somoza sería entón Outeiro, Estrar e Gontade (¿?) E sería un coto da Maía.

domingo, 11 de diciembre de 2011

As xurisdiccións antigas da Maía XII

O Coto de Lamego


Unha illa no medio da xurisdicción arzobispal de Quinta.


Seguindo ca revisión dos territorios antigos, traemos nesta entrada o coto de Lamego. Lamego é un lugar da parroquia de San Lourenzo de Seira, no actual concello de Rois. Esta situado no val do río Sar, no seu tramo baixo, practicamente en fronte do santuario mariano da Escravitude, xa cerca de Padrón.

Este lugar daba, no pasado, nome a un coto redondo, no que ademais del estaban incluídos os lugares de Seira, a Igrexa, A Meana e O Casal, todos da mesma parroquia de Seira, e practicamente case toda a parroquia.

Non sabemos moito da súa historia, pero no s. XVIII este coto estaba incluído na xurisdición de Altamira, aló menos dende o xa repetido ano de 1708, ano do censo de onde tiramos esta información.




Igrexa de San Lourenzo de Seira, concello de Rois.
Foto:http://www.pueblos-espana.org/fotos_originales/7/3/0/00032730.jpg
Podía ter sido propiedade eclesiástica, a trabes de algún mosteiro compostelán. Quizais San Paio e despois San Martín, e ser aforado ós Moscoso, como se fixo con outros. Así é todo, ó igual que lle sucedía a outros cotos na Maía, este estaba rodeado de outra xurisdición que era a de Quinta. Era por tanto unha illa do conde de Altamira no medio do señorío do arcebispo de Santiago, que era a quen pertencía esta xurisdición.

jueves, 8 de diciembre de 2011

As xurisdiccións antigas da Maía XI

O Couto de Francos e a súa extensión.

Recabar novas precisas sobre o estado das cousas no pasado non soe ser doado. As veces as fontes cas que un traballa soen ser parciais, mostrando unha realidade por tanto falsa do paso do tempo. Por iso é interesante contrastar a información con todos os documentos que traten determinado asunto ou tema para poder achegarnos mellor a cuestión a estudiar.
Un dos temas máis interesantes que tratamos neste blog, é descubrir os límites precisos das antigas divisións do territorio, e por tanto tamén das actuais. Así no artigo das xurisdicións antigas da Maía X, falabamos do coto de Francos como un territorio que supoñiamos supeditado o lugar de Francos, xa que tampouco tiñamos, das fontes que empregabamos, datos que nos fixeran pensar o contrario.

Sen embargo, o padrón de calle hita de 1708 do arcebispado de Santiago, descúbrenos interesantes novas sobre este antigo coto de San Paio de Antealtares que despois caeu nos estados de Altamira. Neste censo, ó referirse a este coto, tomase referencias dos veciños non soamente do lugar de Francos, senón tamén dos de Vilar, dun lugar chamado Pica el Gallo e de Bascoas.



Cruceiro medieval do lugar de Francos, na parroquia de San Xoán de Calo.
Foto:http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/65/Cruceiro_en_R%C3%BAa_de_Francos%2C_Calo%2C_Teo.jpg/800px-Cruceiro_en_R%C3%BAa_de_Francos%2C_Calo%2C_Teo.jpg

Francos e Vilar pertencen a Calo, e seguramente Pica el Gallo do que falamos xa en outra entrada ó falar de un enorme marco de deslinde cas armas dos moscoso. Pica el Gallo é un topónimo ó estilo do de Cantalarana, que temos na parroquia de Ortoño. Trataríase de un asentamento de colonos de un dominio que dataría dos s. XVI ou XVII, xa que empregan o castelán moderno.

O sorprendente, e o que non sabiamos, era que o coto chegaba ata Bascuas, que pertence a parroquia padronesa de Santa María de Cruces, (ou sexa a da Escravitude), facéndoo moito máis grande en extensión.

Deste xeito xa se modifica sensiblemente o mapa das xurisdicións da Maía. Sen embargo habémolo de deixar así ata tratar algún novo descubrimento máis que tiramos deste antigo e interesante padrón de 1708.



lunes, 5 de diciembre de 2011

Libro de fundacións XXXI

Fundación trixesima primeira.

22 de febreiro de 1707.

Aínda que todo nesta familia estee por probar, semella que ten consistencia o cadro que propoñemos.


Tratase, como non podía ser doutra forma, de unha rama descendente da familia González da Condomiña, emparentada cos Solis da parroquia de San Xoán da Riba, no actual concello da Baña e despois cos Córdoba de Rianxo. Dun destes matrimonios, o González-Solis, houbo varios descendentes que non casaron, entre os que se contaba Bernarda González de Solis, que encontra herdeira a unha sobriña, non so dos seus bens materiais se non tamén das cargas espirituais. Tratábase de Manuela González de Córdoba e Solis. É difícil saber a que clase social pertencían estas xentes, xa que a profusión de apelidos, fan suxerir unha posición acomodada, e da entender que se trata da fidalguía da zona. Sen embargo, no censo de 1708, un ano despois de terse asinado este compromiso entre a sobriña herdeira e os desexos da tía defunta, aparecen mencionados como labradores afincados no lugar da Condomiña. É máis, en Ortoño cara primeiros do s. XVIII non había ningún fidalgo. Este matrimonio formado por Esteban de Guisande e Manuela González de Córdoba e Solis, tiñan dous fillos pequenos, e vivían da labranza a trabes de varios foros do Cabildo de Santiago e tamén do Conde de Altamira. Sen embargo eran os que máis terra tiñan, xa que incluso multiplicaban por 15 a de moitos veciños.

.




Parece que o matrimonio Guisande-González non dou perpetuado a súa liñaxe. Os dous fillos que tiveron non parece que sobrevivisen para ter descendencia. Co paso do tempo aparecen outros pagadores da misa da fundación. Así os seguintes son os Córdoba, os Bermúdez de Castro e os Solis, para ó final do século recaer nos García da Condomiña, familia que arriba á parroquia na década de 1780.

É interesante esta liña que seguro que co tempo habemos de chegar a artellar e coñecer mellor