domingo, 26 de junio de 2011

Pedregal II

Os límites.

Aínda que o teñamos por titulo desta entrada, o certo é que non están consignados en ningún documento. Así como os lugares de Carballido, As Cortes, Sisalde, Maguxe, Ortoño, A Condomiña e incluso dun xeito moi esquemático Lapido, teñen todos a través da documentación descricións dos seus límites, sen embargo o Pedregal é un dos lugares que non o ten. A razón debeu ser que como dentro do seu contorno había agros e terras de distintos dominios e ningún deles mencionou características comúns do dito lugar. De todos os xeitos xuntando os bens de todos eles, o nome dos agros e fincas pertencentes ó Pedregal sáenos o plano xa mostrado.

O Pedregal estaba enclavado entre outros lugares dos que hoxe xa non existe moito acordo dalgún. Referímonos o lugar do Sisto. O Sisto interpretase hoxe polos seus moradores como unha parte do Pedregal, e deste xeito seguramente se ven considerando dende xa hai máis de dous séculos, ó non ser mencionado no arquivo parroquial.

O límite sur do Pedregal era o camiño real de Santiago a Muros e Noia. Este camiño perdeuse hoxe e pasaba cerca do actual tanatorio situado na rúa Fontaldeiro. Ó sur deste camiño real estaban os agros de Fontaldeiro que pertencían o lugar do Sisto e que supoñían unha illa en medio do Pedregal e Carballido.

Polo leste, estaban os lugares de Bertamiráns que lindaba pola zona de Chavian. Subindo aparecía o pequeno casal do Sisto, abrazando o Pedragal e separándoo de Bertamiráns e o Casal xa un pouco máis o norte. Na parte máis setentrional limitaba co lugar de Castrigo. O resto son os límites que o dividen dos lugares das parroquias do Ánxeles e Brión pertencentes o veciño concello de Brión. Estas fronteiras tiráronse da demarcación municipal. Sen embargo puidera non ter sido deste xeito no pasado.
A avenida da Maía en Bertamiráns, é en un bo treito parte do lugar de Pedregal, máis concretamente dende Chavian ata o cruce da rúa que ven do centro medico. De alí ata o Tremo, na parroquia dos Ánxeles, ven sendo a dívisión entre Pedregal e Carballido. Bertamiráns empeza de Chavian cara abaixo. Foto: http://www.panoramio.com/user/830935?with_photo_id=27504455


No inventario do conde de Altamira no preito cos veciños de Ortoño a mediados do s. XVIII, afirmábase que xa nos Chanciños do monte do Marante era onde confluían as parroquias de Ortoño, Ánxeles e Brión, dando a entender que daquela o Pedregal e por tanto Ortoño neste punto era menos extenso que na actualidade. No s. XIX todo o monte do Marante, Montelle e a Revolta do Cotón, que viñan sendo monte abertos e comunais repártense entre os veciños, iso si, despois de varios preitos sobre o asunto cos veciños dos Ánxeles e Brión. Quizais coincidindo a formación dos concellos, os veciños do Pedregal anexionaran as súas toxeiras nas parroquias veciñas ó seu novo concello.

No hay comentarios:

Publicar un comentario