domingo, 5 de junio de 2011

A emigración en Ortoño IV

Xa temos falado en outras ocasións como a historia da emigración na nosa parroquia, e en xeral no val da Maía, é un continuo vir e ir de persoas. Así a Maía foi receptora de xentes de outras partes de Galicia, e tamén de aquí partiron moitas veces as mesmas ou os seus descendentes para outras partes.


Xa dende finais do s. XVIII, pero sobre todo no XIX, detectase unha chegada de xentes dende as terras altas do río Tambre e tamén dende outras comarcas ó norte deste río a zona do suroeste de Santiago, máis concretamente o val do Sar. Coincidían aquelas migracións con tempos moi malos. Os anos malos para o agro, a situación de inestabilidade económica e política, en medio das guerras carlistas e gavillas de bandoleiros, chegaron a encher Santiago de pobres cara a metade do século. Moitos viñeron como caseiros ou arrendados de veciños do val. Outros chegaron a emparentar con xentes naturais do val. Deste xeito chegaron ata hoxe moitos apelidos orixinarios de outras comarcas.

Sen embargo, houbo outros grupos de emigrantes chegados ás nosas terras de outras partes máis lonxanas. Referinos nesta ocasión dos maragatos que deixaron tamén o seu rastro en Ortoño. Os maragatos son orixinarios da comarca leonesa da Maragatería, antes chamada da Somoza, sendo a súa capital a cidade de Astorga. Unha das posibles explicacións o seu nome podería vir de que os somozanos foran durante moito tempo arrieiros ou carreteiros, de pescado salgado dos portos galegos (Mar) cara as cidades do interior, sobre todo a Madrid (Gatos). Así o seu nome significaría do mar ós gatos, quedando maragatos. Sen dubida, deberon ter traballado moitos outros xéneros e mercadorías, como a roupa e os panos, de xeito que aínda hoxe quedou en Ortoño o nome de Paneiros.

Vista actual de Astorga. http://enxebreordedavieira.blogspot.com/2010/06/diario-de-una-pareja-de-peregrinos_24.html

Parece que deberon facer a ruta dos portos de Muros e Noia cara Santiago e despois cara Ourense, o que os obrigaba a atravesar a Maía pola parroquia de Ortoño. Xentes de aquelas latitudes, asentáronse as veces ó longo dos camiños que andaba, como sucedeu por exemplo ca familia de Melchora de la Losa, filla de Esteban e de María Ysabel Peral veciños de Santa María de la Asunción de Quintanilla de la Cuesta, no actual axuntamento de Truchas, comarca de La Cabrera, lindante con la Maragatería, que se asentou no lugar de Lapido. En 1887 Melchora se casa con un ortoñés, Domingo Cordero, veciño igual que ela de Lapido.

De todos os xeitos, moitas veces non se atopa acougo ou boa sorte nun novo lugar, xa que Domingo e Melchora remataron emigrando de novo, desta volta a Arxentina, onde tiveron, ó parecer, gran descendencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario