lunes, 4 de abril de 2011

A parroquia I

Despois de xa máis de 170 artigos e case tres anos de “Historia de Ortoño e a Maía” abordamos a definición do eido no que nos movemos: ¿que se entende por parroquia?

Orixe

En realidade parroquia, do latín parochia, e este do grego παροικία –habitar cerca- é a división territorial das igrexas cristiáns. O seu nome deriva do sacerdote ó que lle he encomendada a súa cura de almas chamado párroco. Aínda que poden existir parroquias non delimitadas polo seu territorio senón por particularidades das súas comunidades, como parroquias para xordos ou universitarios, pero xeralmente as parroquias defínense polo seu territorio. Ou sexa, pertencen á parroquia todos os fieis que habiten dentro dos límites territoriais da parroquia; ó igual que outra unidade do territorio como o concello ou a provincia.
Contabamos en outras entradas, como a parroquia podería ter chegado a formarse a partir das antigas vilas romanas do baixo imperio e da alta idade media. Estas comprendían uns dilatados terreos adicados a agricultura que lle eran afins. Co paso do tempo e da cristianización, os oratorios familiares pasarían a ser pequenos templos onde se reunían os donos e os seus servos. Desta forma aquelas extensas propiedades foron as unidades das primeiras comunidades parroquiais, xa que non había sentido en buscar novas divisións do territorio, tendo en conta que tamén tiñan o elemento aglutinador de pertenza a un grupo.

Deste xeito, grupos de habitantes, xa aglutinados previamente pola pertenza a unha unidade do territorio, neste caso unha propiedade, tamén se constituían en grupo tanto no plano relixioso como no comunitario e social. Estas características vanse reforzando a través dos séculos e do conseguinte aumento de poboación, creando unha entidade de pertenza sólida, reforzando así tamén os seus límites a través da tradición.

Territorio.

Sen embargo se fosemos a buscar os límites de unha determinada parroquia, por exemplo ó arquivo parroquial, ou o diocesano seríanos practicamente imposibles de atopar. E aínda así teñen limites moi ben definidos. A razón de isto é moi sinxela, debese as súas dúas particularidades enlazadas: a súa grande antiguedade e a que a delimitación permaneceu en grande medida atesourada na tradición. Cousa esta última que non impide atopar documentos onde se citan limites parroquiais, pero sempre suxeitos as súas correctas descricións ó bagaxe da tradición.


Mapa das parroquias na comarca da Maía. Como se pode apreciar moitos dos seus límites son sinuosas liñas que non teñen en conta, nin vías de comunicación,  nin propiedades, nin accidentes xeográficos etc, o que nos indica os baixos requirimentos empregados para elaborala súa cartografía (caso de Ortoño). Se temos en conta que a fonte é a mesma Xunta de Galicia a través do SITGA (Infraestrutura de Datos de Galicia) e este mapa esta actualizado a 2011, facémonos unha idea de como esta este eido na actualidade.
Por norma xeral no paso do antigo réxime a actual división do territorio colleu a parroquia como unidade de formación dos concellos. Hai excepcións a esta norma, nas que en determinado termo se tomaron como límites accidentes xeográficos, ou propiedades de grandes dominios que dividían as parroquias. Exemplos son San Ándres da Barciela, entre os concellos de Oroso e Santiago, e que esta partida polo río Tambre. Así mesmo, nos novos límites entre concellos houbo modificacións debidas ó interese de pequenos propietarios que tentaron atraer as súas parcelas cara o concello onde habitaban, deixando de ser idénticos os limites entre concellos e parroquias. Exemplos estes dos que xa falamos anteriormente. Esta particularidade non a hai que ir a buscar ó pasado xa que hoxe en día séguese a producir. Hai novas vivendas edificadas o carón de limites municipais que se serven a través do concello veciño, e ó concello veciño tributan e a el se adiren, paradoxicamente non estando nel. Exemplos deste tipo hainos en Ortoño.

A grande ruptura do pasado co presente é precisamente que hoxe a parroquia non esta recoñecida xuridicamente e por tanto non ten uns límites oficiais, anque o Estatuto de Galicia prevé podela recoñecer mediante lei. Desta forma soamente os límites municipais son os que se recoñecen e se plasman na cartografía en detrimento dos parroquiais que vanse esquencendo e difuminando pouco a pouco. Deste xeito é a Igrexa a que, a través da persistencia da súa propia división territorial das comunidades locais, ven sendo a institución que máis respecta a tradición de séculos sendo a máis fidedigna historicamente.

Hoxe en día dende a universidade ou dende a administración autonómica tentase plasmar a cartografía parroquial de Galicia, habida conta da importancia da parroquia como vertebradora do territorio, da cultura e a tradición. Pero as máis da veces semella ser este un traballo moi ambicioso xa que os métodos e a información empregada soen ser moi escasa. Tanto é así que sospeitamos que moitas parroquias, entre elas Ortoño, sonlle trazados os límites encerrando con unha liña as entidades de poboación que a parroquia ten. O resultado son liñas sinuosas empregando a mínima información, que soamente nos da un resultado moi difuso.
Pero o fin e o cabo este punto de vista é o que se impón e acabara impoñendo definitivamente, xa que a perda de moita información gardada na tradición oral, desembocara claramente no recoñecemento das entidades de poboación, e non do territorio propiamente dito. Esto mesmo será cada vez máis palpable a medida que a morfoloxía do terreo mude e vaia perdendo as referencias do pasado


No hay comentarios:

Publicar un comentario