domingo, 20 de febrero de 2011

A Casa do Castro e a familia Martínez Viojo

Con motivo da efeméride do nacemento de Rosalía de Castro, que naceu o 24 de febreiro de 1837, queremos facer unha introducción sobre a suposta súa suposta familia paterna: os Martínez Viojo.

É ben coñecido por todos, que os pais de Rosalía foron Dª Teresa de la Cruz de Castro e Abadía e supostamente o sacerdote D. José Martínez Viojo, este natural da parroquia de Ortoño.

Rosalía de Castro
Anque a partida de bautismo de Rosalía, inscrita no Real Hospital de Santiago, diga que é filla de pais incógnitos, a permanencia da escritora dende a infancia ó lado de Dª Teresa ata a morte desta e o grande amor filial que lle profesaba, bastan para coñecer a súa relación de nai e filla.

Máis problemas existen, sen embargo, en adxudicar a paternidade de Rosalía a José Martínez Viojo. Si ben queda reforzada a maternidade de Dª Teresa ó coidar a súa filla dende a infancia, xa que este feito demostra arroxo e valentía dunha nai ante os prexuízos sociais da época, non existe ningunha proba documental da paternidade do cura.

Si durante o século XIX, sempre se intentou silenciar as orixes da escritora, por considerar que era revolver en trapos sucios de familia, é a raíz da carta que mandou un descendente dos Martínez Viojo, Luís Tobío, ó seu amigo Bouza-Brey en 1923, na que lle puxo nome ó posible pai de Rosalía. Esta nova decantou, por exemplo, a localización do acto de fundación do Seminario de Estudios Gallegos, na casa do Castro de Ortoño, en vez de realizalo en Padrón.

Dende entón aceptouse xeralmente que este sacerdote da colexiata de Iria e natural de Ortoño, tiña sido o pai de Rosalía, e que esta foi coidada na casa do Castro polos seus familiares paternos ata aproximadamente cumprir os cinco anos, xa que en setembro de 1842 aparece nun rexistro do concello de Padrón xunto a súa nai. Tamén é certo, que se alzan algunhas voces que sosteñen que esta hipóteses xurdiu dos sobriños deste cura, os cales coñecedores de que algunha muller da súa familia amantou a Rosalía, reclaman a paternidade de seu tío sen ser esto certo. Sobre todo esta teoría apoiase en que non era tan raro na fidalguía da época bautizar a fillos concibidos fora do matrimonio con pais incógnitos e logo lexitimalos. Esto mesmo lle ocurriu a prima de Rosalía, Josefa Lauréana, e ó seu propio marido Murguía, pero sen embargo, Rosalía quedou sen lexitimar.

Sobre a biografía e a obra da escritora hai moitos estudios, pero aínda non se tentou botar luz suficiente sobre esta parte tan importante da súa vida que nos axudaría a entendela mellor

No hay comentarios:

Publicar un comentario