lunes, 31 de enero de 2011

O libro de fundacións IX

Novena fundación. 1713

Ándres Codesso, veciño do lugar do Sisto, un antigo lugar da parroquia de Ortoño que ó longo do tempo foise confundindo co Pedregal, funda unha misa o 15 febreiro de 1713.


Esta fundara en testamento a súa primeira dona, Benita de Gossende. Era moi raro naquel entón que unha muller casada fixera testamento, xa que era o marido o que levaba os bens da súa dona. É máis, o normal e que faga testamento despois de enviuvar, xa que daquela volvían a dispoñer dos seus bens e os que lle deixara o home morto. Sen embargo, este testamento, que foi outorgado ante Juan Gregorio de Gronso, outro notario de número da Maía do que se perderon os seus protocolos, debeu ser feito entre os dous, marido e muller en man común.

Benita naquel testamento do 8 de novembro de 1709, hipotecara unha herdade no paraxe da Devesa do lugar de Punxeiras para fundala misa, que a herdara da súa difunta nai Alberta Suárez, casada con Domingo de Gosende, pais da téstante e veciños da Punxeira.

Aquí volvese ver que os testantes ou outorgantes de este tipo de memorias pías, fano en descargo da súa conciencia, xa que realmente quen tiña a intención de fundala misas era Alberta Suarez.
Esta misa pagouse durante todo o s. XVIII e comezos do seguinte. Entre os seus pagadores atopamos veciños do Sisto e Pedregal como Ramón Codeso e Domingo Pérez Vidal. Pero a partires de 1777 encargase de pagar Antonio Otero, veciño de Punxeiras altas, da familia dos Raices-Otero-Vilacoba da que falamos na primeira fundación, e que ten tamén vínculos familiares no Pedregal. Posteriormente no s. XIX volve a haber un cambio de pagadores e encargase unha familia do Casal, os da casa da Tiburcia. Así entre 1822 e 1827 cumpre a obriga Tiburcio Suarez, e dende o ano seguinte ten pendente no libro de pagar o que se supón o seu xenro Domingo de Castro de Casaliño.

Esta familia dos Suarez do Casaliño tamén ten as súas particularidades. Tiburcio non naceu na parroquia, e debeu vir con seus pais Jacinto e Rosa de Arosa a finais do s. XVIII a vivir ó Casaliño procedentes de un lugar incerto. Como veremos no futuro o lugar do Casal ou Casaliño estaba incluído dentro de un vínculo de bens da familia dos España da que xa falamos. Por mor de enlaces matrimoniais chegaron a engrosar os morgados do marques de Leis, o cal puido ter posto estes novos colonos nas súas terras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario