sábado, 11 de diciembre de 2010

A gavilla II

A tradición oral.

Contábase que nunha mañan fría de inverno, viñan as Carneiras das Cortes baixando por debaixo da igrexa cara súa casa, despois de moer toda a noite no muíño do Instrumento. Nesto, chegando as primeiras casas das Cortes da riba, oíron un grande estrondo de cascos de cabalos nas lousas da corredoira. Como non sabían quen podería ser colleron medo e saíron do camiño agochándose detrás dun arró. Dende alí deron visto vir unha tropa de xente armada de acabalo e déronse conta de que era a gavilla do Tasende. Agochadas onde estaban oíronlles dicir que ían a asaltar a casa de Salaño e mentres deixaban os cabalos na de Mariño. Para eso metéronos na eira e desbarrigaronlle a cabana, que estaba chea de cabucos de millo, para que os cabalos comeran. Disque decíase que a de Salaño era rica, xa que o cura da casa era capelán de Santa Minia, e recollía moitas limosnas.

En canto a súa situación a de Salaño estaba o lado da de Mariño separada pola corredoira. Esta e a súa eira están cerradas por unha muralla alta e para entrar so había o portal da entrada e unha porta no fondo da horta. Naquel momento soamente estaba o cura e seu irmán e máis unha sobriña e non sabían nada do que estaba a pasar fora. Sen embargo o cura, que se encontraba no seu cuarto, veu pola ventana xente que se movía por fora da muralla e semelloulle que podía ser os ladróns. Entón foi cando avisou a seu irmán e a sobriña para que atrancasen as portas. A casa tiña troneiras en riba destas polas que se podía encañonar os que estivesen fora. O cura resolveu que deberían resistir ós bandoleiros xa que dispoñían de armas e munición suficiente. Mentres os bandoleiros tomaran posicións para dispoñerse a entrar na casa, o cura e seu irmán, xa avisados, preparáronse para contelos. Entón, non se sabe moi ben como, comezouse a disparar, e mentres os de fora tentaban darlle ós de dentro, estes defendíanse devolvendo os disparos. Nunha desas unha bala perdida doulle a sobriña que chamou polos seus para que a acudisen. Seu tío o cura contestoulle que non lle podían valer, e que se tirase nunha cama. Despois resultou que soamente fora unha rozadura sen máis complicación.
Así estiveron boa parte do día ata que veu a noite e todo se calmou. Nesto voltou o outro sobriño que era mozo e fora as xuntas de Bastavales pola festa de San Xulián. Antes de entrar na súa casa chamárono os seus primos da casa da baixo, que estaba pegada a de Salaño, e dixéronlle que non entrara, por que ese día estiveran todo o día a tiros e o mellor quedaba algún bandoleiro escondido esperando entrar cando a xente da casa abrira a porta, e que era mellor que quedase a durmir con eles. Entón díxolle ós primos que non tiña medo e que ninguén lle impediría entrar na súa casa. Así foi e tivo sorte e non pasou máis nada e todo quedou calmo.
Disque a gavilla do Tasende era moi temida e que entrara a roubar en moitos sitios. Segundo se decía tiñan de man a xustiza polo cal facían o que querían. Pero sucedeu que dunha volta nomearon un xuíz que non se deixou comprar e entón tentárono matar. Un día estaba na súa casa e viñeron e rodeárona ca intención de entrar a matalo. Pero a criada da casa non lles abreu a porta e díxolle o xuíz que cando entraran que se colara polo burato da letrina que daba a corte do gando que había debaixo. Deste xeito cando entraron e a criada lles dixo que non estaba o xuíz, eles non a creron e rexistraron toda a casa sen atopalo. Aquel día salvouse pero noutra ocasión non tivo tanta sorte e deron con el e matárono tirándoo o seu corpo o río Ulla. Boa a fixeron porque entón a garda civil botouse o monte e ata que dou con todos eles non parou. Xulgáronos e colgáronos a todos en Santiago, na carballeira de San Lourenzo. A sobriña do cura das Cortes, a que fora ferida na refrega do asalto a súa casa, quixo ir vela execución a Santiago. Na casa dixéranlle que non debería ir, xa que a escena era desagradable e moi impresionante, pero non fixo caso e foi igual. Pero o que lle dixeran na casa era certo, e tanto lle impresionou que se puxo mala durante unha semana.



Este é un dos relatos que nos chegaron ata a actualidade a través da tradición oral. Nel cóntansenos un asalto frustrado e unha breve esbozo da gavilla do Tasende así como o seu final. Sen embargo, existen nel moitos datos contradictorios e erróneos dende un punto de vista histórico, datos que tentaremos analizar para podelos comprender mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario