domingo, 25 de julio de 2010

Artistas que traballaron en Ortoño I

Baixo este título tratamos de facer inventario e unha breve semblanza dos artistas que ó longo do tempo traballaron en Ortoño. Estes son algúns deles:
Domingo de Emeri: Segundo Pérez Constanti, en Diccionario de artistas que florecieron en Galicia durante los siglos XVI y XVII, en 1629 encargase un retablo para San Juan de Ortoño, a Domingo de Emeri, un entallador de orixe francés, afincado en Santiago.Axustado en 50 ducados consistía en unha imaxe de San Andrés “en la caja de arriba”, e as imaxes de Cristo, San Juan e María. Todas estas imaxes están no retablo da capela lateral norte do cruceiro da igrexa, incluído o Cristo, que é o que se chama da Caridade.


Cristo da Caridade, feito en 1629 por Domingo de Emeri

Domingo García del Coto. Pintor afincado en Santiago
Era veciño de Santiago, anque tiña algún orixe no lugar da Condomiña, xa que cara 1758, ano en que o Cabildo de Santiago renova o seu foro, aparece el e a súa muller como uns dos detentadores do lugar.
En 1708 pintou e dourou os colaterais de Santa María dos Anxeles, onde aparece no libro de fabrica recollendo varias cantidades por este motivo. En 1729 dourou o retablo maior da Orden Terceira de San Francisco, que tiña feito Miguel Romai, polo que cobrou 10500 reais. En 1727 cobrou 200 reais por dourar o altar de Ortoño.



Ventura de Castro. Plateiro veciño de Santiago
En 1784 recibeu da fabrica da catedral 614 reais por facer dúas estatuas de Santiago para regalar. Seguramente era natural de Santiago.
Tamén entre 1783 e 1784 cobrou 1300 reais por facer a cruz procesional de 52 onzas de prata para a igrexa de San Xoán de Ortoño.




Cruz procesional de Ortoño, feita por Ventura de Castro en 1784

Luís Parcero. Escultor con taller en Santiago
Natural de Santiago e a súa ocupación era esculpir retablos, onde floreceu na primeira metade do s. XVIII.
A súa primeira obra foi o retablo para a Virxe de Covadonga da parroquia de San Andrés, sobre a planta de Simón Rodríguez, feito por 1500 reais en xullo de 1733.
En 1735 fixo o retablo colateral de San Francisco de Borja, na igrexa da Compañía, segundo a planta que fixera tamén Simón Rodríguez. O retablo foi colocado a dominica de Resurrección de 1736, polo que o P. M. Juan de Salinas lle pagou 250 ducados.
En 1735 fai un retablo camarín para a Virxe do Rosario, segundo a planta da Cofradía do Rosario de Santo Domingo de Bonaval, polo que cobrou 600 reais e 100 máis por gastos extraordinarios. Para Santo Domingo fixo tamén outro retablo, trazado por Manuel de Leis en 1737 axustado en 300 ducados.
Fora de Santiago ten tamén algunhas obras. En Bua, parroquia de San Breixo de Barro, tiña unha capela D. Lorenzo García o cal a quixo dotar con tres retablos, un de San Pedro. En subasta consigueu o traballo en 5614 reais, comprometéndose a facelos tres sobre planta e máis unha imaxe da Virxe dos Dolores para vestir.
Fixo en 1744 o altar maior da parroquia de Rioboo, na estrada, por unha cantidade de 1800 reais. Fixo tamén os tres retablos para a capela de San Antonio de Oca, pertencente o pazo do mesmo nome, cobrando algo máis de 10000 reais.
En 1749 fixo o altar maior de San Xoán de Ortoño que foi axustado en 4600 reais.Luís Parcero foi un bo retablista e mellor sería se florecese na segunda metade do s. XVIII, pero haberá que xuzgalo artisticamente tendo esto en conta. Viveu na Carreira do Conde. A súa morte debeu suceder cara 1760

No hay comentarios:

Publicar un comentario