viernes, 9 de julio de 2010

A arquitectura popular perdida: A cabana

Debuxo de unha cabana: Brión historia economia cultura arte. Clodio González Pérez 1998


Nin tan sequera hoxe, salvo excepcións, as construccións que nun pasado eran adicadas ó almacén do grao teñen agora ese cometido, senón un máis ben decorativo. Referímonos ós hórreos, que xunto con outros apeiros, coma vesos, sachadoras, grades e carros pasan os días e os meses nos xardíns para cumprir unha función decorativa. Se se levantasen os vellos e os viran podrecérense á chuvia cando eles os tiñan gardados ó enxoito nos palletes...
Sen embargo hoxe falaremos de unha construcción tan senlleira como o era a cabana, que sen embargo polo tipo dos seus materiais, o igual que o palleiro, non chegou ata hoxe como obxecto decorativo de eiras e xardíns.
Fotografía de unha cabana en 1905. Memoria do Sar -crónica gráfica das terras de Padrón - José Luis e Miguel Cabo Villaverde.

A cabana era a construcción que foi a antepasada directa do hórreo. Tratábase de un enramado circular de corres de carballo e xesta que se cubría con un tellado circular tamén de xesta ou de palla de centeo en forma de carapucho de palleiro. Ía apoiada sobre unha base de madeira, e esta estaba separada do chan por catro pedras ou postes de forma que estivese illada da humidade.
Na nosa comarca aínda hai un século as había. Como convivían cos hórreos, sendo a súa construcción máis cativa e de materiais menos duradeiros, eran empregadas para gardar os cabucos do millo, ou sexa as espigas máis cativas da colleita. Habías en tódalas casas, xa que a súa construcción era barata, e tamén era máis fráxil. No famoso asalto da Gabilla do Tasende a Casa de Salaño das Cortes, a finais do s. XIX, os bandoleiros desfixeron a cabana da casa de Mariño, e deixaron ó pe dela os cabalos comendo os cabucos; pero esta é outra historia que contaremos máis adiante.
Pódese especular si esta construcción xurdiu no s. XVII cando chegou o millo de América, ou si xa existía antes para gardar outros cereais. De tódolos xeitos é moi posible que fose máis antiga, a tenor do nome da aldea de Cabanas nos Anxeles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario