martes, 15 de junio de 2010

Historia dos párrocos de Ortoño III

O século XIX

En 1797 entra como párroco en Ortoño, en substitución de D. Simón Antonio de Lago D Vicente Duran e Varela, que ó igual que o seu predecesor trouxo a súa familia a vivir a casa rectoral. O seu nome completo era Vicente María Juan José, e nacera en maio de 1763 na parroquia compostelán de San Miguel dos Agros. Viña de unha familia de renome, xa que seus pais eran D. Ramón Durán avogado da Real Audiencia de Galicia e Dª María Bernarda Varela. Seus avós paternos foran o notario compostelán D. Joseph Duran e Acuña, natural de Santiago de Tortoreos no bispado de Tui e a súa avoa paterna o era Dª Josepha Ventura de Pazos y Figueroa, a cal tiña ascendentes e bens no lugar da Condomiña.




Tocoulle a D. Vicente vivir como párroco en Ortoño grandes acontecementos de aquel entón como foi a guerra de independencia da que ó parecer non houbo moitas incidencias na nosa parroquia. Morreu este párroco en 1826 sendo relevado por D. Bernardo Zerezuelo, do que non temos dados algúns da súa procedencia. Sen embargo nos anos nos que estivo D. Bernardo debeu afrontar reformas importantes, como foron o traslado do cemiterio de dentro da igrexa parroquial ó adro da mesma, e sobre todo o final das máis de 40 fundacións de misas e obrigacións que existían por antigos mandas testamentarias e que por mor de conflictos cos dominios dos bens hipotecados e dos novos propietarios de estes tivéronse que redimir de tal xeito que viñeron a dar nos actos xerais de defuntos.
O convulso século XIX en España trouxo consigo as guerras carlistas e a desamortización de moitos bens da igrexa, sucesos que tivo que lidar como párroco D. Bernardo. E o caso é que todos estes problemas viñeron a deixar unha penosa situación para a parroquia a morte de Zerezuelo en 1842 e despois o longo do período de economato de Frei Antonio de Vilacoba.




Así en 1846 cando entra o novo párroco D. Manuel de Santos encontrase que dentro da igrexa chovía coma fora. Con bo criterio arranxa toda a cuberta pero a costa de moitos desgustos e de poñer cartos do seu peto. Entre os primeiros esta que o fabriqueiro parroquial, unha especie de tesoureiro, e o mordomo pedáneo, unha especie de concellal teñen apropiados os cartos da igrexa, e sobre todo a prata que se agochara durante a guerra carlista para que non fose requisada, e que viñan sendo doazón de D. Ignacio Antonio Seares.
Despois de moitas penas e traballos, de soportar ata sabotaxes nas obras, secuestro das tellas e outras iniquidades conclúe a reparación.
Polos seus escritos, ben se podería pensar que D. Manuel quedou farto de obras, e así foi por un tempo, en principio por falta tamén de caudais. En 1848 pide a palacio arranxar a igrexa a cargo da prata e das aportacións dos veciños, xa que a igrexa ten a porta tapiada por mor dunha grande fenda e que se sirve de dúas portas traveseiras. Despois de moitos impedimentos e controversias consígueo tapiando unha porta que había pegada as escaleiras do campanario, e consegue reconstruír a torre, e abrir a porta grande.
Tamén cara 1858 refai o cruceiro da igrexa dotándoo de unha cúpula de media laranxa, obra que saíu por un ollo xa que a parroquia arrastrou débedas durante anos.
D. Manuel de Santos morre en 1868 sucedéndoo un ano como ecónomo D. Manuel Antonio Vilacoba, que vendo o ambiente non quixo entrar na rectoral ata que un perito con testemuñas e notario levantase acta e inventario dos desperfectos. O ano seguinte 1869, por presentación do duque de Sesa, rexente en aquel entón en España, foi promovido a párroco D. Bernardo Crespo Varela, que tivo a suficiente man esquerda como para amortizar a débeda parroquial, e seguir consolidando melloras no templo. Exerceu o seu ministerio ata a súa morte en 1894.

No hay comentarios:

Publicar un comentario