lunes, 3 de mayo de 2010

Personaxes relacionados con Ortoño

Luís Marcelino Pereira e Castrigo

Anque Luís Marcelino naceu no seo de una familia fidalga en Illobre, na Ulloa en 1754, tiña moito que ver con Ortoño, xa que era fillo de D. Luís Vicente Pereira de Moscoso e Dª Josefa Nieto; neto paterno de D. Ignacio Pereira e Moscoso e Dª Ignacia Núñez de Castrigo e Sanmamed, filla esta de Antonio de Castrigo e neta de Gregorio de Castrigo, unha das persoas máis relevantes de Ortoño no s. XVII, como xa se ten dito.
A súa formación desenvolveuse na Universidade de Santiago onde estudiou artes e dereito, licenciándose en 1775. Tras a reforma universitaria de 1772, ensina en Santiago matemáticas, que era unha nova materia. Entre 1776 e 1780 fai carreira en Madrid exercendo a avogacía, chegando a ser en 1779 avogado dos Reais consellos. Sen embargo ata 1779 segue impartindo clases na universidade de matemáticas e física.
Ademais da súa labor universitaria, na década de 1780 Luís Marcelino tivo un papel fundamental na fundación da Sociedad Económica de Amigos del Pais de Santiago, e na edición do periódico El Censor. No ámbito da economía impulsou varios proxectos, entre os que destacan un de 1785 para que a Sociedade patrocinase unha cátedra de Economía Civil na universidade, para a cal se ofrecía como profesor, ou os seus traballos sobre a industria téxtil en Galicia.
En 1781 funda xunto co avogado granadino Luís María del Cañuelo o periódico El Censor, no que Pereira expresaba que a España da época necesitaba profundas reformas. Tratábase de unha publicación de caracter enciclopedista e liberal que cuestionaba políticas e principios lexislativos, relixiosos e sociais. Anque a maior parte dos artigos foron atribuídos a Cañuelo, Pereira sería un asiduo colaborador xa que moitos temas eran os mesmos que impulsaba a Sociedad Económica, que se reunía no Real Hospital de Santiago, onde Pereira era o seu
Secretario. Hai que sinalar que nesta publicación soamente empregaba o apelido Castrigo, que lle viña por súa avoa paterna.
Nesta época escribe as “Reflexiones sobre la Lei Agraria” (1788), onde mostra o seu liberalismo económico. Pereira que era un profundo coñecedor de Galicia mostrase contraio os morgados, as amortizacións e os vínculos, mentres que defende a libre contratación e compra-venta de terras e o reparto dos montes comunais. Moitas de estas reflexións con outras de outros ilustrados españois foron fonte de influencia para o informe da Ley Agraria de Jovellanos.
En 1792 Luís Marcelino Pereira deixa a cátedra compostelán para ocupar unha praza de alcalde do crime na “Sala de Hijosdalgo” da Real Chancilleria de Valladolid. Posteriormente, en 1797 ascendeu a oidor deste tribunal e en 1799 foi nomeado correxidor do señorío de Vizcaya. Despois desempeñaría outros cargos en Madrid, como comisionado para a venda de bens relacionados ca desamortización de Godoy, e en 1804 nomeouse supernumerario na Sala de Alcaldes da Real casa e Corte.
Na conxuntura política de 1808 a 1811 permitiu a Pereira manifestar a súa forma de pensar contraria o antigo réxime. A súa posición a favor dos afrancesados permitiulle ocupar postos de xurista e político. Pódese considerar a Luís Marcelino Pereira e Castrigo como un dos integrantes da segunda xeración de ilustrados, xunto con personaxes tan relevantes como Jovellanos. Morre o 30 de abril de 1811, o que o salvou dunha segura represaría por parte da reacción absolutista polo apoio que tiña prestado ó novo réxime.
Con todo, a pesares da forma de pensar de Luís Marcelino, a familia Pereira seguiu cobrando en Castrigo o foro ós seus familiares labregos ata mediados do século XIX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario