jueves, 7 de enero de 2010

Castrigo V

Castrigo no s. XVII

Falar da historia de Castrigo no s. XVII é falar de Gregorio de Castrigo, fillo de aqueles Bieito de Sanmamed, e María de Lago.
Debeu nacer cara 1610, e quedou orfo os 5 anos. Súa nai María de Lago casou de contado con Domingo de Outeiro, e a el procuróuselle por titor a Pedro de Sanmamed, veciño de Ames, e seguramente tío del. En 1616 fíxose a partilla dos bens de seu pai defunto quedándose el ca metade dos lugares de Castrigo e Lamiño, dos cales toma posesión cara 1630, cando alcanzou a maioría de idade. Seu familiar, Pedro de Sanmamed, mentres foi novo tívolle un caseiro en Castrigo para que lle traballase os bens, e a el douselle unha educación moi boa para época, xa que súa nai e seu padrasto gastaron 300 ducados durante 12 anos por telo na universidade en Santiago, quizais intentando que se ordenase cura. Tempo no que parece que non obtivo ningunha titulación. Nos anos 1642 e seguintes, despois de que ten morto súa nai, preitea co seu padrasto e medios irmáns pola herdanza de seus pais, sen ter moitos resultados.
Xa na década dos trinta e corenta aparece como mordomo da fabrica de San Xoán de Ortoño, e segundo as información dos seus descendentes tamén accedeu a outro cargo moi importante na comarca, como era o de Procurador xeneral da xurisdicción de Altamira. Este era un cargo electivo por un ano de duración, e as súas funcións eran a de representar os veciños nos tribunais. O caso e que D. Gregorio soubo alzarse sobre a posición que seguramente tiñan alcanzado os seus proxenitores e chegar a maiores cargos e ocupacións. Esto foi posible porque gozaba de unha boa posición e ascendencia. Por parte de seu pai estaba emparentado cos Sanmamed de Ames, que a súa vez emparentaran ca familia de D. Alonso de la Peña Ribas Montenegro, natural de Iria, e bispo que chegou a ser San Francisco de Quito, no actual Ecuador, e por parte de súa nai estaba emparentado cos Mahia e Lago de San Cristovo do Eixo, da que procedían dous Pedro de Mahía e Lago, tío e sobriño, e que foron cóengos de Santiago. O certo é que esto vese confirmado co seu propio matrimonio.
Cara mediados de século casa en San Vicente de Aro, actual concello de Negreira, con Dª María Gómez Hortiz Pardiñas Villardefrancos. Ela era filla de D. Juan de Sanmartin Hortiz, de Rioseco en Aro, e da súa muller Dª María Gómez Pardiñas e Villardefrancos. D. Juan era descendente de un tal Pedro Hortiz, natural de Villavicencio, provincia de Valladolid, e que en 14 de xullo de 1540 obtivera en grado de apelación Real Executoria de Fidalguía. Establecerase en Ordoeste, no lugar de Reiverde e alí construíra unha torre. Ela era filla do escudeiro D. Álvaro de Sampaio Gómez da Costa e Dª María Álvarez de Carantoña, fundadores do pazo de Cicere de Abaixo, en San Pedro de Cicere, concello de Santa Comba. En Cicere conflúen varios dos máis importantes apelidos das terras de Soneira, Bergantiños, Xallas, Montaos e Altamira, como son os Álvarez de Carantoña, Prego de Montaos, Moscoso, e Pardiñas Villardefrancos.
Gregorio de Castrigo será un nome moi mencionado en toda a documentación do s. XVII na Maía, devido os cargos que exerceu e a facenda que tivo e adquiriu. Por eles sabemos que ademais tiña unha venta en Castrigo, cando en 1654 denuncia ante o xuíz de Altamira a Domingo do Outeiro, un dos seus medios irmáns por construír unha casa na “Canica do Pereiro”, propiedades que eran del. Gregorio fai testamento días antes de morrer que foi o día 20 de xaneiro de 1673. No seu testamento declara que o enterren no lugar máis humilde da igrexa xa que se considera indigno feligrés, quizais por valerse das rendas da fabrica para especular con elas. A súa muller morreu en dous anos despois. Gregorio e María tiveron sete fillos, Diego, Antonio, Cecilia, Francisca, María, Isabel e Marcos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario