jueves, 5 de noviembre de 2009

Arquitectura popular (I)

O cruceiro de O Santo que agora está en Barciela.





Cando en números pasados tratamos o tema da capela de San Cibrán, que ata 1800 estivo radicada no lugar de O Santo, xa apuntamos a existencia dun cruceiro que se erguía fronte á súa fachada, velaquí os datos que conseguimos verbo do seu actual paradoiro.

En 1851 Domingo de Lema, párroco de San Andrés da Barciela (Sigüeiro) parroquia do Concello de Oroso a 12 quilómetros de Santiago de Compostela, non tendo a súa igrexa ningún cruceiro para facer as procesións e ornato do seu adro, tentou acadar un para colocalo diante dela.

Con obxectivo de acadar ese propósito soubo que, na freguesía de Ortoño, se atopaba, medio esquecido, un cruceiro que estaba no medio dunha carballeira que anos atrás formaba parte do conxunto dunha capela que xa estaba derrubada.

Ó decatarse o párroco de Barciela de que a finca era de titularidade privada, procurou compralo ó seu dono, que resultaba ser María de Buela, bisneta de Juan García Ribas de Mar, que esculpira o devandito cruceiro en 1714.

Logo de acadar acordo no trata, Don Domingo dispuxo todo para o oportuno traslado. De feito nunha maña moi cedo chegou ata ó Santo cun canteiro e cunha partida de carros para desmontar e trasladar as pedras ata Barciela pero, cando algúns veciños viron aquel despregue de medios, parárono e denunciaron aquel espolio no Xulgado de Ames.
Don Domingo retirouse pero, na posterior Vista, o xuíz declarou o cruceiro peza non de utilidade publica, senón de propiedade privada, mantendo o Arcebispado o mesmo parecer, pois coidaba que tería un mellor uso na Barciela e non abandonado no medio dunha carballeira particular.
Por fin o traslado se fixo definitivo e, dende mediados do século XIX, alí está logo de “navegar” dende o río Sar ata o río Tambre e adornar a ruta xacobea do Camiño Inglés

No hay comentarios:

Publicar un comentario