miércoles, 16 de septiembre de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime IV



Impostos Reais en Ortoño en 1752.


Estes eran os que recadaba o Rei como propios e virían sendo os que actualmente cobra o estado a través do IRPF.
En principio estes impostos gravaban as ventas de diversos artigos e o rendemento industrial, de aí que no catastro da Ensenada se fixese especial mención a estes parámetros. Os impostos son os seguintes:
Servicio Ordinario. Ó igual que os señoríos, o Rei tamén cobra servicios, reflexo de que era el o máximo señor temporal. En Ortoño por ano ascendía o imposto a 72 reais.
Cientos e Alcabalas. Impostos que gravaban a venda de varios artigos, como eran: o aceite, o tabaco, a madeira, coiros, tabaco, panos etc. O comercio na nosa parroquia non era moi grande pero axustábase en 2695 reais.
Millones. Imposto inventado na primeira parte do s. XVII para afrontar a enorme crise monetaria da época. Esta relacionado ca poboación, xa que se adxudica á provincia e despois repártese. En 1752, correspondía os lugares da parroquia da xurisdicción de Altamira 105 reais, e a mesma cantidade na da Maía.
Sisa. Imposto que tamén era sobre certos bens de consumo. Na parte de Altamira ascendía a 201 reais, 120 na parte da Maía.
Sisa do viño. Como seu nome indica grava o consumo de viño, e estaba repartido por tabernas. En Ortoño había tres. Unha na Condomiña, outra en Cantalarrana e outra no paraxe coñecido entón por Vistalegre. En total xuntábase 100 reais e 100 maravedies.
Repartimento provincial de utensilios. Outro imposto que levantaba en Ortoño uns 235 reais e 80 maravedies

Como se pode ver a facenda real recadaba os seus impostos en moeda, mentres que os señoríos e a igrexa en centeo. O centeo foi sinónimo de pan ata a chegada do millo de América, e tamén a moeda da terra, da que se comía e sobre todo pagaban as rendas. Con el os donos da terra especulaban cando este escaseaba. Na nosa parroquia sementouse moito centeo en tempos, para pagar as rendas, e para ter que comer xunto co millo, e para poder sementar. Soamente o conde recadaba 1500 ferrados, e posiblemente outros tantos a igrexa, repartidos entre as 180 familias que había por aquel entón na parroquia de Ortoño.
Pero ademais de esto, as rendas, agás as dos foros, non as cobraban os seus donos, senón que arrendaban o seu cobro a terceiras persoas, axustando o seu valor. Esta practica o que facía era complicar máis aínda o seu cobro, e sobre todo aumentaba a renda a pagar debido á sobrevaloración por parte dos cobradores.

2 comentarios:

  1. Noraboa polo traballo de documentación, deberías ir pensando en facer unha publicación en papel. Na miña casa xa están facendo colección dos "Sineiros"

    A seguir así!!!

    ResponderEliminar
  2. Faise o que se pode. Pero si hai máis Sineiros preparados.
    Un saudo.

    ResponderEliminar