martes, 18 de agosto de 2009

As medidas de capacidade.


Os múltiplos do ferrado.


Veuse como o ferrado era a unidade de volume de áridos pola que se pagaban as rendas. Era equivalente aproximadamente a 17 litros, e o seu nome seguramente veu do caixón de madeira polo que se media, que aínda se conserva en algunha casa, que debía estar reforzado con ferraxes. Tres ferrados equivalían a unha rapada. Doce a unha carga, e por tanto seis a media carga. O cereal por antonomasia que se pagaba nos foros era o centeo, e chegou a ser sinónimo de pan. Aparece sempre unido os múltiplos do ferrado nos documentos: unha carga de pan.., media carga de pan..., e sempre tomando por referencia a que se utilizaba en Castela: “...por la medida de Avila..”
Eran divisores do ferrado, a cunca, doceava parte, con pouco uso, e o cuartillo, vintecatroava parte. O ferrado ademais de ser unha medida de capacidade ó era de superficie, a superficie que producía os 17 litros de grao de centeo, que dependía da calidade da terra. Na nosa bisbarra equivalía a uns 630 m2, e o cuartillo a uns 26,26 m2. Pero como di o libro do Deuterenomio (8,3), non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario