viernes, 14 de agosto de 2009

As Cortes IV. Historia


A Casa dos Barreyro das Cortes, e a capela do Santo Anxo da Garda.


Como se dixo no anterior artigo, Juan Barreyro das Cortes e súa muller María Gomez tiveron por fillos a D. Juan, Antonio, Domingos, e Joseph Gómez Barreyro
D. Juan Gómez Barreyro naceu o día 10 de maio de 1645. Estudiou en Santiago e foi ordenado cura cara 1668 ou 1669, xa que na primavera do 68 recibe de seus pais unha doazón de bens para que se puidera ordenar a título de patrimonio. Entre estes bens están a cuarta parte dos lugares das Cortes e Maguxe, e a cuarta parte dos lugares de Freixeiro e a Fonte en San Cristovo de Reis, bens de seu pai e da súa nai respectivamente. Durante uns anos debeu permanecer na casa paterna, pero cara 1694 entra a tomar posesión da parroquia de San Adrián de Vilariño e o seu anexo San Benito de Fefiñáns, no actual concello de Cambados, padroado do Conde de Fefiñáns. Foi párroco de estes beneficios ata aproximadamente 1712.
Ó longo de varios anos vai adquirindo propiedades por aquela bisbarra, e no 8 de febreiro de 1708, ante notario xúntaas todas na fundación de unha capela inclusa dentro da igrexa parroquial de Ortoño: a capela do Santo Anxo da Garda. As propiedades da fundación andarían xuntas sempre e os seus beneficios sería para o patrón, e os seus descendentes. Ademais tamén dotaba unha capelanía para un cura da familia que tiña que dicir catro misas o día do Santo Anxo ou no seu octabario.
Chamou por primeiro patrón da fundación a seu irmán Joseph Gómez Barreiro, casado con Dª Francisca de Castrigo e Sanmamed, donos da casa principal das Cortes, e reservoulle a capelanía primeiro a Felipe, e despois por morte de este a Domingo, ambos fillos de Joseph e Francisca, para que se ordenasen de orden sacro. O caso é que tanto Domingo como seu pai Joseph morreron antes que o fundador, D. Juan, quedando a capelanía sen efecto durante varios anos.
Pasou a suceder no padroado e na capelanía D. Miguel Gómez Barreiro, o fillo máis novo de Joseph, e tomou posesión dela en 1730 despois de terse ordenado de presbítero.

A capela estaba enclavada no altar lateral norte da igrexa de Ortoño. D. Miguel cumpleu ca fundación ata o ano da súa morte en 1777, e despois pasou a ser patrón e capelán seu sobriño D. Pablo Martelo e Barreiro, tamén cura e veciño das Cortes. Este era fillo de Martín Martelo e Dª Juana Gómez Barreyro irmá de D. Miguel.
D. Pablo defendeu a fundación do seu tío-avó en preito contra os seus primos terceiros da casa de Pérez das Cortes. Seu sobriño D. Antonio Martínez, fillo único de súa irma Dª. Isabel Martelo e de Blas Martínez, sucedeuno como patrón, pero non como capelán, xa que tivo que ceder a favor de D. Ramón de Vilas, veciño de Bastavales, que tamén tentou quedar ca capelanía sen éxito.
D. Antonio casaría cara 1784 con Dª María Isabel de Ponte e Andrade, natural de Portor, ca que tivo 7 fillas e un fillo que tivo que tomar a carreira eclesiástica para facerse cargo do padroado e capelanía da fundación do Santo Anxo da Garda. Este, chamado D. Manuel Martínez Ponte e Andrade morreu relativamente novo en 1847, pasándolle o padroado a súa irmá Dª. Josefa casada con D. Manuel Salaño Acosta.

Sen embargo a capelanía levouna un sobriño de fora, sen que nunca máis se puidese recuperar para a casa solar. Precisamente este último capelán foi o que fixo a instancias do visitador dioce-sano a imaxe, que actualmente se con-serva, do Anxo da Garda, na igrexa parroquial de San Xoán de Ortoño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario