martes, 11 de agosto de 2009

As Cortes III. Historia

As primeiras novas que temos sobre persoas que puideran proceder do lugar das Cortes veñen do Tumbo do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Así en 1231 había en este mosteiro un frade chamado Martinus Cortes monach;, que comparece como testemuña de unha escritura.
Hai que esperar ata mediados do s. XV, para coñecer os moradores máis antigos dos que hai noticias. Así en 1458, vivían no lugar Rui das Cortes e seu fillo Alonso. Ocupaban un dos catro casares que había polos que pagaban de renda anual ó señor de Altamira: “tres oitavas e media de pan terciado e una marran e dous cabritos e dúas galiñas e cinco marabedís”. O lugar tiña outras tres casas que permanecían baldeiras, signo dos tempos de baixa densidade demográfica.
Volvese a producir outro salto no tempo ata agosto de 1563, para ter novas das Cortes. Desta volta comparecen os moradores do lugar para o apeo que levou a cabo Jacome Fernández, notario. Levan as Cortes por foro Pedro Fernández o vello, e Fernando das Cortes en dúas metades, pagando conxuntamente por todo o lugar 27 rapadas (3 ferrados por rapada) de centeo e unha márrana cebada. Pero o máis seguro é que ambos perdesen as copias do foro e por ese motivo o mesmo Jacome failles novo foro. Por un lado a Pedro Fernández o vello e a súa muller María Míguez, afóralles unha metade das Cortes. A outra metade afóralla, en Altamira a 19 de maio de 1564, a Juan das Cortes (posiblemente fillo de Fernando) e a súa muller María de Raíces. Estes foros eran pola vida dos levadores máis dúas voces, ou sexa por un fillo e un neto.
Unha filla de Juan das Cortes e María de Raíces debeu casar con Alonso Barreyro, posiblemente vido do lugar de Maguxe. Alonso reconstruíu en 1600 o casal onde moraba esta familia, en unha casa de sobrado, feita de sillares, a cal tiña unha escritura sobre o dintel da porta que se conservou ata hai pouco. Dende aquela e durante dous séculos esta foi coñecida como a Casa dos Barreyro das Cortes.
Coetáneos co novo apelido Barreyro, mantíñanse as voces do outro foro da metade das Cortes. Segundo escritura do 6 de outubro de 1630, sucedera a Pedro Fernández o vello, seu fillo de igual nome e a este seu neto, tamén do mesmo nome: Pedro Fernández das Cortes, o mozo.
Non se deron atopado as presentacións de voz, ou sexa a escritura de presentación dos herdeiros, para o foro feito a Juan das Cortes en 1564, o que correspondería a casa dos Barreiros, pero coñecemos a posible seguinte xeración a Alonso: Juan Barreyro das Cortes, o vello, e a súa muller María Gómez. Posiblemente casaran a principios da década de 1640. María era natural de Freixeiro en San Cristobo de Reis, actual concello de Vedra. Tivo este matrimonio, aló menos, catro fillos, que foron: D. Juan Gómez Barreyro, que chegou a ser cura, Antonio, Domingos, e Joseph Gómez Barreyro.
Juan Barreyro, o vello morreu o 29 de novembro de 1669

No hay comentarios:

Publicar un comentario