sábado, 25 de julio de 2009

Carballido V. Historia



Foise vendo que os administradores do conde de Altamira, ó ir renovando os contratos cos veciños, foron aumentando a renda e diminuíndo o tempo de estes, xa que para o estado do condado, os lugares eran unha inversión e debían ser rendibles, para amortizar os gastos, sobre todo da xustiza e da fe pública nos seus territorios.
Cabe destacar que para Carballido, tanto en 1599 como en 1757 a forma do contrato non é o foro senón o arrendo, pasando a renda de 99 ferrados a 143, e o tempo do arrendo de 29 anos a 7.
Durante todo o s. XVII e o XVIII, a poboación aumentou moito, e Carballido atomizouse en parcelas con moitos levadores, tanto os residentes no lugar como os que as traballaban pero vivían en outros lugares.
Esto provocou a necesidade de repartir proporcionalmente, por medio do prorrateo, a renda do arrendo entre todos os que tiñan parcelas no lugar. O prorrateo foi un instrumento eficaz, xa que o arrendo de 1757, que era de 7 anos, nunca se renovou porque se seguiron pagando as rendas integramente.
Temos constancia, de alomenos, dous prorrateos feitos en Carballido: o producido a consecuencia do novo arrendo de 1757 e o de 1861. Conservase mencións a el en 1815, pero quizais se refira ó primeiro. Soamente nos chegou o de 1861, sendo unha fonte de información do lugar moi interesante.
En 1861 Carballido estaba repartido en 101 arrendados. Tiña 7 casas. As de Benito Tembra, Salvador Fernández e da súa filla Teresa, que acabarían co tempo dando a casa de Tembra. As de Andrés Martínez, e as das súas fillas María e Josefa que acabaría no que hoxe é a casa de Vilas. As de Tomas López, e da súa filla Josefa, ascendentes da de Castro. A de Ramón García Ferreiros que dou a casa de Crisman. Na Costa estaba a do notario D. José Ramón Araujo. E por ultimo unha casa illada cerca do lugar do Tremo, pertencente a Teresa Mariño e seus irmáns.
Como nota curiosa no 42º lugar aparece mencionado D. José Ulloa Pimentel, Gobernador Civil da Provincia de Pontevedra, e marido de Dª Cayetana García-Barros, dona da Casa da Granxa da Peregrina, e levador de dúas fincas, unha na Agra de baixo e outra na Cortiña dos Salaños.
No derradeiro lugar aparece un terreo mixto de 370 cuartillos a monte, lindante co camiño real a Noia. Seguramente era o solar da “Éstrella”, que logo se encheu de casas.
Carballido pertenceu a casa de Altamira ata 1872 en que foi vendido para pagar deudas a un acreedor da casa, non tendo noticias da data en que os veciños redimiron o antigo arredo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario