viernes, 26 de junio de 2009

O lugar da Cachela I



A Cachela, hoxe monte, é un lugar de seu como o son outros da parroquia como Maguxe, A Condomiña, Castrigo, etc, diferenciándose soamente pola súa pequena extensión. Está situado ó sur da parroquia, na confluencia dos lugares de Sisalde, As Cortes, Ortoño, e A Telleira parte de Chave de Carballo, aldea e lugar de San Xulián de Bastavales. A Cachela, en outros tempos, estivo habitada.
Como se puido comprobar no apeo de 1458 que mandara facer Ruy Sánchez de Moscoso non aparece este lugar. Quizais se identificase co lugar de Pousada, de catro casas, xa que está o pe do camiño que ía da Condomiña a “las villas del Padrón.” O certo é que cara agosto de 1563, o notario de Pontevedra Jácome Fernández persoase con poder na parroquia para facer apeo e inventario dos lugares que lle pertencían ó conde de Altamira, e encontra como posesora do lugar da Cachela a María Domínguez, muller viúva de 65 anos.
Así quedaron consignados os limites da Cachela: ..”comenzando desde la devesa del lugar de Sisalde, que es de su Señoría, toda la Braña que esta para via del dicho lugar ansi como al presente esta cercado e valado de valo e se ve, e con la heredad, e huerta que está junto a la casa del dicho lugar con sus arboles e salidos e monte y lo más perteneciente al dicho lugar..”. Hoxe é difícil definilo lugar, porque anque existen muros, o topónimo da Cachela sáese de estes. Con seguridade a el pertencía o Agro da Cachela, terra cultivable entón, pero agora monte. Tamén pertencían os terreos do outro lado da corredoira cara ó oeste, que lindarían con Sisalde.
O Agro das Chaias, ó noreste, é do lugar de Ortoño. O Agro que hoxe se coñece como de Martiz, coñecíase no s. XIX como o de José Mirazo, chamado así en 1849, no apeo das Cortes, e entra de cheo no lugar da Cachela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada