viernes, 5 de junio de 2009

A Condomiña

Si ben a etimoloxía, ou significado do lugar da Condomiña viría de “Condominium”; ousexa lugar propiedade de varios; parece que nun principio quizais este nome englobase un territorio máis grande. O certo é que no s. XVI aparece cos seus limites precisos que era o río Sar ou do Arcebispo ata a ponte da Condomiña, logo seguía polo camiño real que ía cara Bugallido ata chegar o monte da igrexa de Ortoño e despois volvía ó norte polo agro do Castro, ata dar no río, primeira demarcación. A propiedade era do Cabildo de Santiago, e as súas rendas percibías un cóengo que se viña chamando “Tenenciero da Condomiña”. Así aparece en dous preitos da Real Audiencia de Galicia, da Coruña, un en 1598 e outro en 1631.
No ano de 1631, o lugar tiña tres casas, una térrena con “su torre”, e dúas máis de sobrado, ousexa con primeiro piso. Esta casa con torre sería a que chegou ata os nosos días con unha inscrición de un escudo de catro cuarteis. Non ten ano, pero podería ser ben do s. XVI, e en ela di: “Álvaro López con Isabel Vermudez. Armas de los Noboas Infanzones Álvaro López”. O adxectivo infanzón é unha palabra moi antiga empregada nos s. XI e XII, e referente os nobres que frecuentaban a corte dos reis, e que no tempo de cando se fixo o escudo era xa un arcaísmo. De estes fidalgos nada máis se sabe; si ben cara mediados do s. XVI fáiselle un foro novo do lugar a un tal Joan González e a súa muller Catalina González. Sucederían no lugar un fillo do mesmo nome, e probablemente notario, e a súa muller Dominga González. A partir de ese momento pódense seguir ata actualidade as súas xenealoxías.
O 18 de abril de 1757 os señores D. Ignacio de Mella Varela e D. Joaquín Antonio Sánchez Ferragudo, cóengos de Santiago e con poder do Cabildo fan novo foro de estes tres lugares, Condomiña e Punxeiras Altas e Baixas. Relatan entre outras cousas que o último foro recibirao Joan González o mozo, e que a Condomiña tiña tamén por nome Ribeira. En esta ocasión recibíano tanto persoas do lugar coma outras que xa vivían en Santiago como era Dª María Ignacia Bermúdez, persoa que tería relación co escudo descrito.
O lugar da Condomiña, o igual que outros coma Bertamiráns, ou As Punxeiras pertencían a antiga xurisdicción da Maia. O pasado do lugar unido a súa arquitectura preeminente e as súas vías de comunicación serian determinantes a hora de establecer nel un dos tres xulgados da Maia, e nel establecíase un “auditorio señalado”, como din as fontes. Probablemente a casa que tiña torre, e que fora propiedade de estes antigos fidalgos era a que se empregaba coma audiencia. Neste lugar dirimíronse os litixios dos lugares da xurisdicción ata a creación dos partidos xudiciais nos primeiros anos do s. XIX.



Anque o actual concello de Ames xa se formara en 1821, en 1842 a Deputación Provincial da Coruña fixo un proxecto de reducción de municipios, polo que creaba un novo con nome de Ortoño e capital na Condomiña, recordo da súa importancia histórica. Englobaría as parroquias de Ames, Ortoño, Ameixenda, Covas, Bugallido e Viduido, proxecto que non se levou a cabo.
En 1885 a Deputación Provincial acepta o proxecto da construcción da estrada de Bertamiráns á nova estación de ferrocarril da Escravitude, da estreada liña Santiago-Carril. A nova estrada discurriría sobre o antigo camiño real que viña da Vila de Noia cara Santiago e que pasaba pola Condomiña.
Estes son uns poucos datos de este lugar da parroquia que forma parte do que se denominan “As catro aldeas”

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada