miércoles, 24 de junio de 2009

Apeos, Preitos, Prorrateos e redención de Foros. II

O Prorrateo, ou reparto da renda do foro, foi feito por un agrimensor contratado polos veciños. Ven sendo unha descrición das propiedades que ten cada veciño, do seu valor, e sobre todo da fracción de renda que pagará todos os anos ó conde. Os primeiros prorrateos son de mediados do s. XVIII, pero despois tivéronse que ir facendo outros novos ó ir morrendo a xente e herdando os fillos, e polos cambios e compras que foron cambiando a titularidade das fincas.
Por exemplo, o derradeiro das Cortes é de 1849, o de Carballido de 1861, o de Pedregal de 1931, etc.. O prorrateo, coñecese habitualmente por un libro de 60 a 100 folios, que quedaba depositado na casa do veciño que máis terra tivese no lugar. Á súa casa concorrían os demais veciños e levadores de fincas para consultar con quen lindaban, que superficie tiñan, etc. Viña sendo un documento de consulta e de resolución de conflictos. En algúns lugares tamén existía o prorrateo da auga, que viña sendo unha distribución das horas de rega, das cortiñas.
O certo é que a medida que foron vencendo os foros fixéronse outros que aumentaban a renda. O caso é que esta situación non era interesante para o Estado, sobre todo dende un punto de vista fiscal. Así que en 1926, durante a dictadura de Primo de Rivera, aprobouse a Lei de Redención de Foros, pola que se abría a posibilidade de que os que vivían e traballaban a terra a comprasen ós seus donos.
No caso dos bens da igrexa, xa a mediados do século XIX foran expropiados polo Estado a raíz da Desamortización de Mendizabal, sendo despois vendidos ós particulares. No caso do Condado de Altamira, este entrou en banca rota no último tercio do s. XIX, índose desfacendo das súas propiedades, que unhas veces as compraron os veciños, e outras quedáronse con elas intermediarios que mantiveron os foros ata case mediados do século XX.
En algunhas partes de Galicia aínda quedan uns 700 moradores de bens que non son da súa propiedade e que pagan por eles todos os anos unha renda en especie ou en metálico, o igual que aquí facían os nosos antepasados. Actualmente é a Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda, o que veu a suplir a partir dos anos 50 do século pasado a estes prorrateos feitos polos veciños, xa que tamén é o Estado e os Concellos, a trabes do imposto da contribución, o que percibe agora as “rendas”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario