lunes, 22 de junio de 2009

Apeos, Preitos, Prorrateos e redención de Foros. I

A propiedade da terra, na nosa parroquia e en xeral en toda Galicia, a trabes da historia pertencía a uns poucos “dominios” que a tiñan aforada os que vivían nela.
Así no século XIV vemos que grande parte dos lugares da parroquia pertencían a familia dos Mariño de Lobeira, e que despois no XV pasou ós Moscoso, señores e Condes de Altamira.
Nos séculos XIV, pero sobre todo no XV e principios do XVI había moi pouca poboación, habendo incluso aldeas deshabitadas. Por eso periodicamente, os donos da terra, sexan os mosteiros, o cabildo compostelán ou os condes de Altamira facían apeos dos lugares que lles pertencían, para non perdelos. O Apeo consistía en un recoñecemento ante notario dos limites da propiedade. Esta información dábaa o morador e levador dos bens. De esta forma sabemos a xente que había nas aldeas da parroquia que eran propiedade dos Moscoso en 1458, e en 1564.

Os moradores de cada aldea, era foreiros do dono do lugar. O conde de Altamira facíalle un contrato, pola vida del e a dun fillo e a dun neto ou incluso a dun bisneto, a cambio de unha renda anual. Este contrato era o foro.


De esta forma os levadores da terra aseguraban a tranquilidade da casa e os bens anexos por un longo período de tempo. Cando morría a derradeira “voz”, ou sexa o neto ou bisneto que tiña dereito a habitar e traballar o lugar, debía deixalo a disposición do administrador do Conde ou si vivía en lugares da igrexa a disposición do Cóengo tenencieiro da Condomiña, ou do arcebispo. O máis normal e que se lles renovase o foro pola vida de varios descendentes, ou pola vida de tres reis de España, ou incluso arrendarllo por 29 ou 39 anos, sempre a cambio de unha renda.
Podía ser que na renovación non se aviñesen na renda, porque os veciños asegurasen que tiñan construído casas e melloramentos no lugar, e por tanto debíanllos ter en conta. O conde de Altamira, a trabes do seu administrador levou a preito a varios veciños por este motivo. Resolvéndose a situación con un cambio na renda.

Sen embargo a situación xeral na parroquia de Ortoño, foi que pasado o tempo e mortos os descendentes con dereito nos foros non foron a renovalos. O mesmo tempo aumentou moito a poboación, descendente dos primeiros veciños que seguían tendo dereitos e obrigas adquiridas na terra. Os fillos foran facendo máis casas e repartindo a terra que traballaran seus pais, e do mesmo xeito debían tamén repartir as rendas que pagaban. A principios do século XVIII, o condado xa empeza a ver como a percepción das rendas diminúe, e comeza a preitear polos lugares que lles pertencen. Pero é a partir de 1753, a raíz de unha pesquisa por parte da coroa para facer un catastro en que o conde de Altamira denuncia a practica totalidade dos veciños de Ortoño e outras parroquias que traballan e viven en lugares da súa propiedade, por terse “fenecido” os foros. Ó final avéñense todos e outórganse novos foros, pero agora non a un veciño, senón a todos os que traballan no lugar. Esto crea un novo problema, que é facer un reparto equitativo do pago da renda por cada veciño, respecto a proporción de terra que labra no lugar. Este reparto foi o que se deu en chamar Prorrateo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada